Estes padeeiros serán recibidos mañá ás 19.30h na Corredoira a súa chegada a Tui
Óscar Graña e Ramón Ferro, tamén do Kaiak Tudense, foron tamén ouro en c2
O tudense Iván Alonso Lage vén de facer historia esta fin de semana ao proclamarse dobre Campión do Mundo en k1 e en k2 no Mundial de Piragüismo de Maratón celebrado en Roma. Onte sábado, nunha impresionante regata Iván Alonso impúñase na regata de k1 senior, unha medalla de ouro que repetiu este mediodía en k2 xunto a Emilio Merchán, nun apretado sprint final, logo de ir case toda a regata en cabeza nun grupo de tres embarcacións, entre elas tamén outra española de Walter Bouzán e Álvaro Fernández Fiuza.
Deste xeito completouse unha excelente fin de semana para o piragüismo español, o galego e en particular o tudense. Esta mesma mañá Oscar Graña e Ramón Ferro proclamábanse tamén Campións do Mundo en c2 senior e Ana Varela e Carla Pérez lograron a décimo primeira posición en k2. Todos eles forman parte do Club Kaiak Tudense.
Dende a Concellería de Deportes do Concello de Tui quérese felicitar a Iván Alonso por este gran éxito, máis que merecido, na súa carreira deportiva. Nesta competición ten demostrado o seu alto nivel froito do esforzo continuado e de moitas horas de adestramento. Tamén felicitan a Oscar Graña e Ramón Ferro que acadaron este título mundial en c2. Igualmente dende o departamento de Deportes queren salientar a boa actuación de Ana Varela e Carla Pérez, nesta primeira participación nun Campionato do Mundo.
O edil de Deportes, Nicolás Lorenzo, quere facer amais extensiva a súa felicitación ao Club Kaiak Tudense por estes magníficos resultados e polo seu traballo ao longo de toda a temporada.
Dende a concellería de Deportes quérese felicitar tamén ao tudense Pedro Areal que se proclamou Campión do Mundo en c1 Masters.
Nicolás Lorenzo salienta que esta vén de ser unha fin de semana histórica para o piragüismo tudense tras lograr catro medallas de ouro neste Campionato do Mundo. Mañá mesmo estes deportistas, encabezados polo dobre Campión do Mundo, Iván Alonso, serán recibidos a súa chegada a Tui no Paseo da Corredoira ás 19.30h, e o mércores ás 12h haberá unha recepción oficial na Casa do Concello.
Sem comentários:
Enviar um comentário