O Monte das Penizas en Paramos vai acoller o sábado 22 de setembro o I Festival Aspenizasfolk. Trátase dun evento musical que nace con vocación de continuidade e coa ilusión de co tempo poder ter nome propio neste tipo de eventos a nivel galego.
A presentación desta mañá correu a cargo do alcalde, Moisés Rodríguez, da concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez, do músico Anxo Lorenzo, e dos membros da comisión organizadora Jesús Corral, Olivia González e Miguel Ángel Fernández.
O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, felicitou a comisión organizadora por esta iniciativa, e polo lugar elixido para celebralo que destacaba “é un dos miradoiros máis bonitos do Miño”. Tamén gababa a labor e o esforzo realizado pola Banda de Gaitas de Paramos, felicitando aos organizadores deste evento.
A concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez, aludiu a importancia de levar as actividades culturais a distintos escenarios, como é neste caso ao Monte das Penizas. Salientou o feito de que Anxo Lorenzo sexa o padriño do Penizasfolk, pondo de relevo a súa contribución para marcar as pautas para que sexa un festival de renome. Tamén tiña palabras de agradecemento para a organización e para os veciños de Paramos, dende os máis pequenos, que teñen moita ilusión posta neste proxecto.
Jesús Corral, en nome da organización explicaba que o festival naceu coa idea de ter un día completo de actividades na zona, para fomentar este espazo, a música tradicional e brindar a oportunidade de ver o traballo que realizan os artistas.
O músico Anxo Lorenzo sinalaba que o concerto que ofrecerá no Penizasfolk será moi especial xa que no mesmo presentará algúns dos temas do seu novo traballo discográfico. Amosouse convencido do éxito que terá esta iniciativa.
Aspenizasfolk será un evento no que a música tradicional será a gran protagonista nun entorno natural de gran beleza. En caso de choiva contarán cunha carpa de 800 metros cadrados. O programa comezará ás 11.30h coa actuación do grupo folk “A Nosa Xente” de Paramos, a Treboada Baixo Miño de Tomiño, e o grupo folk “Na Revolta” da Guarda. Pola tarde a cita continuará ás 20h coa Banda de gaitas San Tiago de Cardielos de Portugal, o grupo Pelepau de Vigo, e José Manuel Caballero e Cía. E ás 22.30h para pór o broche á festa actuará Anxo Lorenzo Band no que o coñecido gaiteiro estará acompañado por Xosé Liz, Álvaro Iglesias, Luís Peixoto e o irlandés Eoghan Neff, rematando a actuación coa Banda de Gaitas de San Xoán de Paramos. Ao longo de todo o día haberá no Monte das Penizas unha mostra de artesanía a cargo de artesáns tudenses e de Portugal, e non faltarán tampouco os postos con produtos gastronómicos que degustar ao longo da xornada. A entrada será completamente gratuíta.
Master class con Anxo Lorenzo
De forma paralela ao festival tanto o sábado 22 como o domingo 23 no Centro Cultural Laxes de Paramos, de 10 a 13h celebrarase unha Master Class de Gaita que será impartida por Anxo Lorenzo. O día 22 centrarase na técnica da gaita e o 23 no perfeccionamento da técnica da gaita. O prezo por participar en cada xornada é de 30 euros, e limítase a 50 o número de asistentes. Os interesados deben inscribirse no Centro Cultural Laxes de Paramos ou no correo aspenizasfolk@hotmail.com
Sem comentários:
Enviar um comentário