Hoxe martes retoma a súa actividade o Club de Lectura que promove a Biblioteca Pública Municipal de Tui dende hai xa catro anos. O club de lectura confórmano un grupo de persoas, neste caso arredor dunha decena, que len ao mesmo tempo un libro, que é subministrado pola propia Biblioteca, e que se reúnen periodicamente, quincenalmente os martes ás 20:00 horas, para comentar as paxinas lidas, compartindo deste xeito cos outros a experiencia lectora. Nesta primeira xuntanza do curso os membro do Club de Lectura comentarán o libro “Nada” de Carmen Laforet que foi o que acordaron ler ao longo do verán.
A gran aceptación que teñen os clubs débese, seguramente, a que reúnen dous alicientes: A lectura persoal e a posibilidade de compartir esa lectura con outras persoas. As opinións dos membros do grupo enriquecen moito a impresión inicial que cada un saca lendo en solitario. O apoio do grupo é tamén moi positivo no caso dalgúns libros máis esixentes do normal, cara aos que moitos lectores mostran preguiza cando están sós e que se len con facilidade se outras persoas o fan ao mesmo tempo.
Para a Biblioteca Publica Municipal tudense esta actividade enmarcase no seu programa de promoción da lectura entre os diversos segmentos sociais favorecendo o acceso ao libro e a lectura dos cidadán tudenses.
Para a concelleira de cultura do Concello de Tui, Vanesa Rodríguez Pereira, o Club de Lectura da Biblioteca Municipal é unha importante aposta da Concellería de Cultura do Concello de Tui pola promoción da lectura dando cumprimento ao mandato constitucional de favorecer o acceso a cultura, neste caso escrita, dos cidadáns que atopan no libro unha ferramenta imprescindible para o seu desenvolvemento persoal e unha enriquecedora alternativa para o seu tempo de lecer.
As persoas interesadas en participar nas actividades do Club de Lectura poden dirixirse á propia Biblioteca Municipal de Tui para realizar a súa inscrición e recibir a información sobre a vindeira xuntanza ou mesmo solicita a través do correo electrónico: biblioteca@concellotui.org.
Sem comentários:
Enviar um comentário