Baixo o lema “Vive o conxunto histórico: 150 anos da praza do Pracer” o Concello de Tui coa colaboración de varios locais da zona de intramuros organiza este domingo unha serie de actividades que van ter lugar nas prazas do Pracer, a Armada e a Estrela. E como continuidade de 20,00 a 24,00 horas diversos establecementos da zona histórica organizan “A noite aberta” cunha proposta de actividades diversas.
O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, acompañado polos concelleiros do Conxunto Histórico e de Cultura, Nicolás Lorenzo e Vanesa Rodríguez, xunto aos representantes dos locais colaboradores presentaron esta mañá o programa previsto.
A actividade comezará ás once da mañá coa inauguración da xornada na Praza do Pracer cunha visita a unha exposición de fotografías da zona, e a entrega de premios do concurso de decoración de balcóns.
Ao longo da xornada, de 11 a 14.30h e de 17 a 20.30h, haberá postos de artesanía na Praza do Pracer con mostra de cestería, tecido, oleiría, trapillo, bixutería, e palilleiras. Amais na Praza da Armada haberá unha mostra de malla tradicional.
A música estará presente con pasarrúas e actuacións de grupos folclóricos locais e cun concerto de música folk a cargo de Begoña Riobó a partir das 18h.
A gastronomía será outra das propostas do programa con postos na praza da Estrela a cargo de Monumental, A Muralla, Viñoteca de García, Jaqueivi, A Adega, Viños e Tapas, Remesal e La Cava.
Ás sete da tarde o historiador Suso Vila conducirá unha visita guiada polas prazas do Pracer, a Estrela e a Armada.
Na presentación desta mañá o alcalde, Moisés Rodríguez, comezaban salientando que a unión fai a forza, ao tempo que felicitaba ás concellerías de Cultura e Conxunto Histórico por esta iniciativa. Co programa previsto engadía que se van descubrir as nosas prazas e ao tempo se apoia ao pequeno comercio, agradecendo a colaboración dos establecemento que nestes momentos complicados fan esforzo e suman sinerxías, salientando que o importante é dar vida ao conxunto histórico
O concelleiro do Conxunto Histórico, Nicolás Lorenzo, explicaba que esta festa organízase co gallo do 150 aniversario da urbanización da praza do Pracer. Partindo dunha idea suxerida polo historiador Suso Vila puxéronse en contacto cos hostaleiros e comerciantes da zona de Intramuros e elaboraron o programa festivo deste domingo. Co mesmo buscan tamén pór de relevo que o Conxunto Histórico é máis que a catedral e hai tamén outros lugares con encanto.
En nome dos establecementos colaboradores Marina Cruces explicou que cada local aportará o que cada quen sabe facer. Buscarán así dinamizar o evento e facer que o casco histórico se pasee. Tamén explicaba que Porta da Pía, Fototeca Estudio, Pía que Pía e Viñoteca de García farán este domingo a 2ª Noite Aberta abrindo a súas portas de 23 a 00h fóra do seu horario habitual as seguintes actividades:
de 20 a 21 horas en “Porta da Pía” degustación de confituras ecolóxicas da empresa “Amorodos”
de 21 a 22 horas na “Fototeca” proxección do documental “Contactos: la renovación de la fotografía contemporánea”
de 22 a 23 horas na “Viñoteca de García” cata-degustación-presentación do Albariño Rías Baixas “O viño que naceu nun OVO”.
De 23 a 00 horas en “Pía que Pía” sesión lixeira de Indie-pop con Dj Argamboy.
Sem comentários:
Enviar um comentário