O vindeiro domingo 7 de outubro o comercio tudense comezará a apertura dominical dos seus establecementos ao abeiro da declaración desde concello como “municipio de grande afluencia turística” que permite unha apertura diaria de 10,00 a 24,00 horas. Dende esa data os comercios tudenses, dende o tradicional comercio de proximidade ata as grandes superficies como é o caso do Outletui, terán este amplo horario que conforma un especial atractivo para visitar a nosa cidade.
Este acordo foi adoptado nunha xuntanza celebrada na Casa do Concello de Tui na que participaron o alcalde, Moisés Rodríguez Pérez, acompañado polo concelleiro de emprego, José Ángel Villaverde Rocha, xunto a representantes da Asociación de Comerciantes de Tui, a Cámara de Comercio de Tui e do Outletui. No decurso desta reunión amais de acordar esta data de apertura foron analizadas as oportunidades que xorden ao abeiro desta declaración para afondar na vocación comercial do noso municipio que aspira a converterse nun activo centro de servizos na Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal.
Os asistentes acordaron a posta en marcha dunha campaña publicitaria de difusión desta novidade comercial tudense a nivel de Galicia e o Minho portugués, e como primeiro paso dun programa de dinamización que constitúa un elemento de atracción de consumidores e visitantes a Tui e a Valença, entendidas como dúas ofertas complementarias. Neste ámbito foi valorada a conveniencia de instalar no centro comercial Outletui un punto de información sobre a Eurocidade Tui – Valença e mesmo a súa comarca.
Os participantes salientaron as importantes posibilidades que se abren para o comercio tudense tanto no aspecto do emprego (tanto na creación de novos postos de traballo como en evitar a destrucción de emprego), como a nivel de emprendedores e novas iniciativas comerciais como a nivel turístico. Moisés Rodríguez, alcalde de Tui, insiste que esta declaración de Tui como zona de grande afluencia turística abre unhas importantes expectativas pero que cómpre un traballo conxunto de todos os sectores implicados para acadar o éxito que todos agardamos que non é outro que a consolidación do noso tecido comercial como unha das bases económicas do noso municipio.
Sem comentários:
Enviar um comentário