terça-feira, 18 de setembro de 2012

Máis de medio centenar de nadadores na II Travesía a Nado Eurocidade 2012


O pasado sábado disputouse a II Travesía a Nado Eurocidade 2012, proba deportiva organizada pola Cámara Municipal de Valença, o Concello de Tui e o Clube de Actividades Acuáticas Alto-Baixo Miño.
Os nadadores participantes concentráronse na praia da Mariña de Tui e, tras realizar as inscricións e recoller un gorro de natación patrocinado pola marca deportiva ARENA, foron trasladados en autobús e nos barcos da organización ata o Cais de Valença, lugar da saída da proba.
Tras percorrer os máis de 900 metros de distancia desta segunda edición, os nadadores foron chegando á praia da Mariña, onde foron aclamados polo numeroso público que animou a proba. Os participantes recibiron unha camiseta conmemorativa do evento, así como unha bolsa de avituallamento para recuperar as forzas gastadas.
Unha vez terminada a proba, o Presidente da Cámara de Valença, Jorge Mendes, o Vereador de Deportes da Cámara de Valença, José Monte, e o Concelleiro de Deportes de Tui, Nicolás Lorenzo, fixeron entrega de un agasallo á nadadora máis veterana, así como á máis nova, rematando o evento cunha fotografía con todos os participantes, así como cos colaboradores.
Dende o Concello de Tui e a Cámara de Valença quérese felicitar ao Clube de Actividades Acuáticas Alto-Baixo Miño pola boa organización desta segunda edición, así como a todos os seus colaboradores. Agradecer tamén a colaboración de Protección Civil de Tui, dos Bombeiros Voluntarios de Valença, de Radio Municipal de Tui, así como da marca deportiva ARENA polo seu patrocinio.
Fonte das fotografías www.tuigrafico.com

Sem comentários:

Enviar um comentário