Dende hai unhas semanas o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, compaxina o seu labor ao fronte do Concello tudense co seu cargo coma deputado provincial. O mandatario local deu conta nunha entrevista para Xornal21 de cales son as súas prioridades e obxectivos no desempeño destes dous cargos.
Hai case dous meses que é deputado provincial. Qué obxectivos asume no desempeño deste cargo?
O meu principal obxectivo é lograr a defensa dos intereses dos concellos do partido xudicial tudense para lograr unha atención máis ampla ás demandas e necesidades dos veciños, especialmente os desempregados e os que viven en risco de exclusión social. A Deputación colabora co amplo tecido asociativo da nosa comarca, apoia aos servizos sociais, promove a formación dos mozos, desempregados e, especialmente, as mulleres. Impulsa melloras de infraestruturas locais… Esta é a liña de traballo na que queremos afondar.
Estamos nos últimos meses do ano, tempo de pensar en proxectos para 2014. Cales van ser as súas metas para o próximo ano?
As principais metas para o 2014 seguen sendo atender as necesidades dos sectores menos favorecidos da sociedade tudense promovendo todo tipo de medidas para paliar as súas necesidades. Tamén a actuación municipal no ámbito do emprego promovendo convenios de colaboración con outras administracións, o Plan de Emprego Local, o Obradoiro de Emprego que promoven cerca de 100 empregos.
Proxectos como a construción do novo Centro de Saúde –cuxa primeira pedra será colocada de inmediato-, a aprobación do Plan Especial do Conxunto Histórico, afondar na colaboración ao abeiro do proxecto de Eurocidade, a creación dun centro sobre o Camiño de Santiago e o conxunto monumental tudense no Cárcere Vello.
Están xa traballando na elaboración dos novos orzamentos municipais?
Efectivamente e queremos que, dentro da necesaria, austeridade sexan uns orzamentos que aposten pola dinamización social e económica de Tui.
Segundo os últimos datos referidos ao mes de outubro en Tui hai 2.245 desempregados. Este ano levaron a cabo distintas iniciativas en materia de emprego, pensan continuar nesa liña?
Tanto no ano 2011, como en 2012, como no actual 2013 este Concello ten promovido actuacións en materia de emprego, promovendo a creación de case un centenar de contratos de traballo en cada ano xunto a medidas que promoven a formación dos nosos desempregados. Un investimento superior aos 300.000 euros testemuña o compromiso do goberno municipal nesta materia.
O pasado mes de outubro sacaron vostedes a licitación a instalación de control de accesos no conxunto histórico cara a súa peonalización. En qué momento está este proceso? Cando será a zona monumental peonil?
O Pleno de finais de novembro estudará a Ordenanza que regulará o tráfico no conxunto monumental de Tui unha vez remate a instalación do control de acceso a finais de ano. Pretendemos peonalizar a zona chamada intramuros para promover a súa conservación, a súa dinamización e que se recupere como espazo de encontro e convivencia cidadá. Os residentes poderán acceder cantas veces precisen pero estará limitado o estacionamento no conxunto histórico creando nas súas proximidades zonas de estacionamento exclusivo para residentes. Cómpre a colaboración de todos, especialmente os residentes neste área, para que esta vella aspiración de todos os tudenses e os turistas que nos visiten sexa unha realidade efectiva.
Asistiu hai uns días en Santiago ao lanzamento do proxecto ARPAD no que participa o Concello de Tui. Qué beneficios terá para o municipio?
Neste proxecto que impulsa a Xunta de Galicia participamos como socios.
Trátase de promover a eliminación do papel nos trámites das administracións en Galicia e a conservación desta documentación. Tui e a Eurocidade foron escollidos como sede deste proxecto e como lugar onde desenvolver estas propostas de administración electrónica.
Sem comentários:
Enviar um comentário