O próximo 29 de novembro, ás 20.30 horas, no Teatro Municipal de Tui, celebrarase a segunda edición da Gala do Deporte Tudense, acto no que se recoñecerá aos deportistas máis destacados do presente ano.
Nesta segunda edición, o xurado encargado de decidir os galardoados estará integrado por Nicolás Lorenzo, concelleiro de deportes de Tui; Rosendo Bugarín, médico e deportista tudense, colaborador con varios clubs e probas deportivas no noso concello, director de procesos sen ingreso e urxencias da área sanitaria de Lugo-Cervo-Monforte, membro do Comité Autonómico de Ética da investigación clínica e vocal da xunta directiva do Colexio Oficial de Médicos da Coruña; Enrique Míguez, padeeiro e medallista olímpico; Eduardo Sousa, xerente deportivo, que foi presidente e adestrador do Club Kayak Tudense, árbitro de baloncesto da primeira división nacional, e comentarista deportivo en diferentes medios de comunicación; e Justi Peixoto, director do programa deportivo “Escoita Deporte” da RMT.
Nesta segunda gala, amais dos premios aos mellores deportistas tudenses do 2013, haberá un recoñecemento honorífico a diferentes persoas que traballaron durante moitos anos en pro do deporte tudense.
Para o concelleiro de deportes de Tui, Nicolás Lorenzo, con este evento ponse o broche final a un ano excelente no ámbito deportivo por importantes galardón para os deportistas tudenses, froito do seu esforzo e dun amplo tecido asociativo que garante este alto nivel no deporte tudense. Esta Gala quere ser unha gran festa de todos os deportistas e un lugar de encontro tamén coa sociedade.
Sem comentários:
Enviar um comentário