A Aula UNED de Tui acollerá do 18 ao 22 de novembro un curso dirixido a fomentar e implantar técnicas de estudo entre os membros da comunidade universitaria.
O próximo luns, 18 de novembro, comeza o curso “Técnicas de estudo autorreguladas”, dirixido a estudantes que desexen incrementar o aproveitamento do seu tempo de estudo. A través deste curso preténdese achegar ao alumno as ferramentas e técnicas necesarias para que melloren as súas habilidades de estudo e poidan sacar o máximo partido á súa experiencia formativa, co obxectivo de que o estudante implemente unha rutina eficiente e produtiva que lle permita obter un bo rendemento académico.
O curso, que terá lugar nas instalacións do Centro Asociado á UNED de Pontevedra, recibirase por videoconferencia na Aula UNED de Tui, do 18 ao 22 de novembro de 16:00h a 19:30h impartido por Patricia Otero Balboa, Coordinadora do COIE do Centro Asociado da UNED de Pontevedra.
O prezo da matrícula é de 45 euros (30 para os alumnos pertencentes á Universidade Nacional de Educación a Distancia). A actividade, cunha carga lectiva de 20h, será recoñecida cun crédito ECTS e dous créditos de libre configuración.
As persoas interesadas poden obter máis información a través da páxina web do Centro Asociado da UNED en Pontevedra (http://www.unedpontevedra.com), chamando ao teléfono 986 85 18 50 ou dirixíndose ás instalacións da Aula UNED de Tui (rúa Antero Rubín s/n, Antigo Convento de San Domingos). O horario de atención ao público é de 16h a 20h de luns a venres (excepto xoves).
Sem comentários:
Enviar um comentário