“Melloras as túas posibilidades de atopar emprego” é o curso para mulleres cuxa inscrición está aberta nos Servizos Sociais do Concello de Tui
A Rede CEDIM (Centros de Dinamización Integral para as Mulleres) oferta en Tui un curso presencial dirixido a mulleres desempregadas e outro curso en liña dirixido ao persoal que traballa nos centros de igualdade dependentes das administracións locais galegas e portuguesas.
O proxecto transfronteirizo CEDIM, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ten entre os seus obxectivos mellorar a calidade de vida, potenciar a autonomía e a participación das mulleres no desenvolvemento económico do territorio a través dunha formación gratuíta e práctica dirixida á activación laboral e mellora da empregabilidade. Forman parte do territorio CEDIM, os concellos galegos de Tui, A Cañiza e Monterrei e a localidade portuguesa de Vila Verde.
O módulo presencial titulado “Mellora as túas posibilidades de emprego” desenvolverase en Tui, dirixido a mulleres desempregadas, cunha carga lectiva de 40 horas en horario de mañá e tarde do 14 ao 25 de novembro estruturado en base a dous puntos principais:
detección de oportunidades de emprego
mellora das habilidades sociais e comunicativas.
Ofértanse 20 prazas que no caso de seren superadas priorizaranse as empadroadas no municipio, as paradas de longa duración, mulleres que procuran o seu primeiro emprego ou mulleres maiores de 45 anos. As interesadas deberán inscribirse no departamento de Servizos Sociais do Concello de Tui no teléfono 98660 36 25 ext. 54.
O módulo en liña, dirixido a persoal técnico, realizarase do 18 de novembro ao 9 de decembro cunha duración total de 40 horas. Todas as persoas participantes nos módulos recibirán un diploma acreditativo da formación recibida.
A adhesión do Concello de Tui a este programa supón o apoio á promoción da igualdade no entorno laboral e social, buscando fomentar e impulsar a activación laboral das mulleres .
Sem comentários:
Enviar um comentário