quinta-feira, 7 de novembro de 2013

MÁIS DE 3.600 CONSULTAS DE TURISTAS NA OFICINA DE TURISMO DE TUI NO MES DE OUTUBRO

Un total de 3.634 turistas achegáronse ata a Oficina Municipal de Turismo de Tui no pasado mes de outubro. A meirande parte dos turistas son nacionais, sumando un total de 2802, fronte aos 832 que proveñen de fóra do territorio español.
O turismo de inverno amosa diferencias ao de verán en canto á procedencia dos visitantes. Andalucía segue a encabezar a lista con 488 visitantes, seguida este mes dos castelán-leoneses, que superan así aos procedentes de Madrid. En canto ao turismo internacional, máis de 200 veciños portugueses achegáronse á cidade, seguidos polos alemáns (172), arxentinos e italianos.
O paso de peregrinos continúa e o pasado mes de outubro contabilizáronse  660 consultas de peregrinos nesta Oficina Municipal de Turismo, dos cales, 534 proviñeron de fóra de España. Esta circulación de peregrinos que pasan ou pernoctan na cidade favorece a continuación de movemento do comercio local e hostalería despois do período estival.
Os peregrinos alemáns encabezan desta vez a lista cun total de 139, seguidos dos camiñantes de Portugal, Italia e Arxentina. En canto aos nacionais (126) os galegos sitúanse no primeiro lugar, seguidos de Madrid e Andalucía.
Pola continua visita de turistas e peregrinos á cidade, a Oficina Municipal de Turismo de Tui, situada na praza de San Fernando, segue a prestar os seus servizos de información ao visitantes en horario de inverno de 10:30h a 14:30h e de 15:30h a 19:30h.

Sem comentários:

Enviar um comentário