quarta-feira, 6 de novembro de 2013

O ALCALDE DE TUI ASISTE Á REUNIÓN DOS MUNICIPIOS TURÍSTICOS DE PONTEVEDRA COA DIRECTORA DA AXENCIA DE TURISMO DE GALICIA PARA COORDINAR ACCIÓNS DE PROMOCIÓN E DIFUSIÓN

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, participou na mañá de onte, martes 5 de novembro, no encontro que mantiveron coa directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, os rexedores e técnicos dos municipios turísticos da provincia de Pontevedra. En total, os municipios coa declaración na provincia son once: Baiona, Mondariz Balneario e Sanxenxo contan coa declaración de Municipio Turístico dende o ano 1999. No ano 2000 obtiveron a declaración Cambados, o Grove, Tui e Poio. Cangas e A Guarda son Municipios Turísticos dende 2001 e Nigrán e Vilagarcía dende 2004.
A directora de Turismo transmitiu aos técnicos e rexedores dos municipios turísticos da provincia a necesidade de coordinar as accións de promoción en aras de xerar unha maior eficiencia e eficacia no emprego dos recursos.
No encontro, a directora de Turismo falou do novo decreto que regulamentará a Declaración de Municipios de Interese Turístico de Galicia e que está na actualidade en tramitación. O decreto desenvolve as previsións que se establecen para esta materia na actual Lei de Turismo de Galicia e que se recollen entre os artigos 27 e 30 do devandito texto. De igual xeito, os municipios turísticos deberán prestar como mínimo os servizos previstos no artigo 28 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, de Turismo de Galicia.
 Na reunión tamén participaron o presidente e o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, e Xosé Manuel Figueroa, respectivamente.
Para o rexedor tudense este encontro ten resultado sumamente positivo para analizar, amáis do cambios normativos enunciados anteriormente, as posibilidades de colaboración entre os diversos concellos e a Axencia de Turismo de Galicia para desenvolver novas actuacións promocionais que afecten aos municipios turísticos da provincia de Pontevedra. Moisés Rodríguez sinala que no decurso da xuntanza os alcaldes sinalaron como os municipios turísticos posúen un maior nivel de gastos (en limpeza, mantemento, policía, sinalización, etc) que cómpre valorar pola Administración autonómica. No caso tudense o Alcalde apuntou tamén a importancia do Camiño de Santiago co crecente numero de peregrinos que o percorren, o seu conxunto histórico coa única Catedral da provincia como elementos a considerar en materia turística e das posibles axudas a coordinar.

Sem comentários:

Enviar um comentário