LEVA ACHEGADOS NESTE ANO MÁIS 180.000 EUROS NA PROMOCIÓN DO EMPREGO
Unha achega só no ámbito do Plan Local de Emprego e o Obradoiro de Emprego
O Concello de Tui leva investido neste ano 2013 mais 180.000 euros na realización de diversos programas de promoción do emprego que supoñen a realización de ata 90 contratos de traballo a outros tantos desempregados tudenses.
Así o Concello de Tui impulsa por segundo ano consecutivo Plan Local de Emprego que supón un investimento de 70.000 euros de fondos propios do Concello e posibilita a contratación de 11 desempregados para prestar desenvolver servizos municipais.
Por outra banda, o Obradoiro de Emprego permite que un total de 27 desempregados, que inclúe 22 alumnos e cinco persoas do equipo directivo, desenvolvan un traballo de formación centrado na culminación das obras da antiga escola de Randufe para a súa conversión en “Viveiro de empresas”. Neste Obradoiro do Emprego a achega municipal acada os 115.00 euros.
Igualmente o Concello de Tui acolle ao abeiro dos programas de cooperación que ten asinados coa Xunta de Galicia e a Deputación Provincial de Pontevedra un total de 19 traballadores que se incorporan temporalmente ao Concello de Tui.
Tamén este Concello promove diversas accións de carácter formativo dirixidas a desempregados para mellorar a súa cualificación profesional e habilitalos para unha mellor inserción no mercado laboral. Así neste ano se desenvolveron os cursos de electricidade, con 15 persoas en formación, e carpintería no que participaron ata 17 desempregados.
Finalmente tamén a oferta de prazas e carácter temporal que realiza anualmente o Concello supoñen unha ampla oferta de acceso a un posto de traballo na administración municipal.
O Concello de Tui non presentou candidatura a unha subvención da Consellería de Traballo e Benestar para a posta en práctica de programas integrados para o emprego pois os técnicos municipais valoraron como problemáticas algunhas das obrigas a asumir polo Concello como era a contratación dun terzo dos participantes nestes programas o que resultaba inviable a este Concello.
O goberno municipal tudense traballa arreo no ámbito do emprego e da formación como queda testemuñado nos importantes investimentos que dedica a esta materia e dos que se benefician un importante número de cidadáns.
Sem comentários:
Enviar um comentário