Onte, ás 19,30h, inaugurábase na zona Anexo da Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui (Edificio Área Panorámica) a exposición das obras participantes na sexta edición do concurso fotográfico: “Relación home-muller 100% positivo”. O concurso, convocado pola Concellería da Muller e Servizos Sociais do Concello de Tui, púxose en marcha un ano máis co gallo da celebración do día 25 de novembro, Día internacional contra a violencia de xénero.
No decurso deste acto comunicouse o nome do gañador desta nova edición do concurso , José Luís Luque Puértolas, quen recibía o cheque de 300 euros coma premio por segundo ano consecutivo. O xurado encargado desta elección estivo formado por José Ángel Font, director da Radio Municipal de Tui, Mónica Bugarín, directora da Casa da Xuventude de Tui e Eva González Del Socorro, delegada de Faro de Vigo de Tui.
A través desta actividade o Concello de Tui quere facer fincapé nas relacións entre a muller e o home, resaltando dunha forma positiva a relación de parella, amizade, convivencia no traballo. . . é dicir, en todos os ámbitos da vida.
Este ano, a exposición conta cun total de 19 fotografías, con algún participante de fora de Galicia.
Para a concelleira de Muller, Dorinda Olga Montes Moldes, con este concurso quérese resaltar que aínda que, desgraciadamente, existan vítimas de violencia de xénero, afortunadamente, a maioría de relacións entre homes e mulleres son relacións non violentas. Con esta campaña quérese fomentar este tipo de relacións e acabar, entre todos, coa violencia machista. Este concurso é unha actividade xa consolidada na campaña que desenvolve o Concello arredor do “Día Internacional contra a Violencia de Xénero” e que incide nos aspectos positivos da relación entre homes e mulleres para consolidar os hábitos respectuosas nesta relación entre a muller e o home.
Sem comentários:
Enviar um comentário