sexta-feira, 10 de outubro de 2014

A Aula da UNED de Tui oferta un amplo abano de actividades de extensión universitaria

Un total de 17 cursos de extensión universitaria, distribuídos en tres áreas, son os que impartirá a Aula da UNED de Tui no último trimestre deste ano. Así o explicaron esta mañá o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, e a coordinadora da Aula da UNED de Tui, Margarita Pino, na presentación destas actividades xunto á concelleira de Educación, Vanesa Rodríguez, e a de Servizos Sociais, Olga Montes. 
O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, salientou a importancia que teñen estas actividades que se celebran na Aula tudense, ao tempo que salientou a aposta do Concello por seguir potenciando este centro. 
Margarita Pino, coordinadora da Aula da UNED de Tui, explicou que a oferta de actividades que se presenta articulouse en función da demanda existente que foi avaliada nos últimos anos. Saliento coma os cursos previstos estrutúranse en torno a tres áreas: idiomas, educación,  e varios. 
Así por unha banda en idiomas, tanto por ser Tui zona fronteiriza coma pola demanda laboral, céntrase en inglés, alemán, francés e portugués.  Xa no apartado referido a educación por unha parte figura dous cursos de lingua de signos, e outro de desafíos infantís. Por último nunha área máis xeral levaranse a cabo cursos de fotografía, iniciación ao teatro e ás artes escénicas, así coma un taller de agricultura ecolóxica, informática e outro de alimentación e saúde. A duración dos cursos oscila entre as 15 e as 30 horas, e o prezo establécese polo número de horas lectivas. 
No curso 2013/2014 un total de 476 persoas se matricularon nos cursos de extensión universitaria na Aula da UNED de Tui, cifra que supera os 600 alumnos se se suman os que acode ás titorías do grao en psicoloxía ou do curso de acceso á universidade. 
Esta información pode ampliarse na Aula da UNED de Tui, no antigo convento de Santo Domingo, de luns a venres de 16 a 22h, ou na web www.unedpontevedra.com no apartado referido a aula de Tui.

Sem comentários:

Enviar um comentário