Este venres ás 21.30h Artesacia representará “Uvas de collón de Ghalo”
Dez espectáculos conforman a programación de outono no Teatro Municipal de Tui a celebrar ata o 26 de decembro. Teatro, música e cinema tanto para público adulto coma infantil centran a oferta prevista. Así o expuxeron esta mañá na presentación o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, e a concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez, acompañados por Roi Fernández e Laura Villaverde, director e actriz de “Uvas de Collón de Ghalo” a obra que este venres porán en escena no teatro tudense.
O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, puxo de manifestou o “prestixio que ten Tui no ámbito cultural” froito do traballo realizado ao longo dos últimos anos cunha aposta por unha programación estable e de calidade, e na que a posta en marcha do Teatro Municipal, supuxo un salto cualitativo importante. Tamén se referiu a gran resposta do público que situado a este espazo tudense nos primeiros postos en canto a número de espectadores da Rede Galega de Teatros e Auditorios.
A concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez, destacou coma dos dez espectáculos de outono catro son para público infantil, e os outros seis para público adulto. O primeiro dos espectáculo desta programación, o XIII Certame Provincial de Bandas de Música celebrado o pasado 4 de outubro, tivo unha gran acollida por parte do público segundo salientou a concelleira.
Roi Fernández, director de “Uvas de Collón de Ghalo” de Artesacia, explicou que para eles é un luxo poder actuar en Tui non só porque a actriz protagonista, Laura Villaverde sexa de Tui, senón tamén porque a semente do texto da obra na que se tratan temas universais está tamén na cidade. Sobre a obra, que o público poderá disfrutar este venres a partir das 21.30h, explicou que será a primeira vez que se represente en Galicia tras a súa posta en escena a nivel internacional coma nos Estados Unidos. Indicou que a peza xira entorno ás múltiples identidades que somos ou que podemos chegar a ser, sinalando que na posta en escena sáense das normas convencionais. A tudense Laura Villaverde explicou que parte dos textos son do seu avó, polo que dicía son moi da zona , parte foron extraídos da correspondencia que mantiña cunha muller portuguesa. Laura Villaverde que comezou de nena facendo teatro na Casa Cultura de Guillarei de xeito afecionado formouse logo na Escola de Arte Dramático de Vigo e nos EEUU. Arestora amais de en “Uvas de collón de Ghalo” forma parte tamén do elenco de “As laranxas máis laranxas de todas as laranxas” do CDG que chegará a Tui o 18 e 19 de novembro en dúas funcións para escolares. Está a preparar amais en Artesacia un novo proxecto que se estreará no mes de febreiro no Teatro Colón da Coruña.
Música, teatro e cinema completan a programación ata decembro
O venres 24 de outubro, ás 20h, Lydia Botana da Coruña achegará ao Teatro Municipal o seu espectáculo “De aquí para alá” no que estará acompañada no escenario por Rubén Montes, María Isabel Diego, Erica González e Miguel Cazenave. Dende Barcelona chegará Titzina Teatro para representar o venres 31 de outubro, ás 21.30h, “Distancia siete minutos”, unha obra teatral protagonizada por Pako Merino e Diego Lorca na que afloran temas coma a xustiza, a felicidade ou o destino.
No mes de novembro Ghazafelhos do Ferrol representará, o venres 7 ás 20h, a obra “...3,2,1” para público familiar na que un extraterrestre e un astronauta son os protagonistas. Unha comedia na que tres mulleres fana da súa vida é a que EME2 vai presentar o 14 de novembro ás 21.30h baixo a dirección de Álvaro Lavín, e con Rocío González, Elina Luaces e Mercedes Castro en escena. Os máis pequenos da casa poderán disfrutar o sábado 15 de novembro ás 19h coa proxección da película de animación “A tropa de trapo no país onde sempre brilla o sol”. Ata o teatro tudense achegarase tamén Xosé Antonio Touriña, coñecido polo seu papel de Mucha nas Cantareiras de Ardebullo da TVG, para ofrecer o monólogo titulado “Manolo Lojo”. Será o 21 de novembro ás 21.30h.
En decembro Trompicallo presentará a obra de marionetas “Osiño” o venres 19 ás 20h para público a partir dos 4 anos. E pechará esta programación o tradicional Concerto de Fin de Ano a cargo da Coral da S.I. Catedral e da Banda de Música Popular de Tui o venres 26 de decembro ás 21h.
As entradas para estes espectáculo poranse á venda unha semana antes da función en www.culturatui.info ata o día da representación ás 13h, ou poderanse mercar ese mesmo día dende hora e media antes do comezo no despacho de billetes da Área Panorámica.
Sem comentários:
Enviar um comentário