segunda-feira, 20 de outubro de 2014

Jornadas dos 150 do Tratado de Lisboa em Tui

 As fronteiras ao longo dos séculos e na actualidade abordadas dende un punto de vista multidisciplinar centrarán as xornadas que co gallo do 150 aniversario van celebrar este xoves e venres en Tui. Esta actividade está promovida polo Instituto Español de Estudos Estratéxicos e organizada pola Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal coa colaboración das seis universidades de Galicia e do Norte de Portugal e da Complutense de Madrid xunto á Eurocidade Tui-Valença.
A cita será no salón de sesións da Casa do Concello de Tui baixo o título “Fronteiras. Cooperación e conflito no contexto internacional’.
A presentación desta actividade realizouse este mediodía na Casa do Concello de Tui coa presenza do alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, o presidente da Cámara de Valença, Jorge Salgueiro Méndes, o director da Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia Norte de Portugal, Rubén Camilo Lois González, o delegado do Ministerio de Defensa en Pontevedra, Lorenzo Sánchez Enjamio, e o comandante naval do Miño, Arturo Bazán Rodríguez.
O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, puxo de relevo a situación estratéxica que ten a Eurocidade, e a colaboración que se da entre Tui e Valença no ámbito desta figura supramunicipal sen que ningún dos concellos perdan a súa identidade. Nese senso indicaba que precisamente a estreita cooperación é un dos puntos fortes que teñen Tui e Valença. Ao tempo amosaba o seu convencemento no interese destas xornadas agradecendo que elixira a Eurocidade para a súa celebración. Mentres o presidente da Cámara de Valença, Jorge Salgueiro Mendes, salientou este evento será un exemplo máis da cooperación institucional, política e das forzas armadas e da universidade que existen na Eurocidade. Aludía amais a estabilidade que a fronteira presenta nesta zona dende hai 150 anos
Rubén Lois González, director da Fundación do Centro de Estudios Eurorrexionais, puxo de relevo a importancia que tivo no seu día en 1864 o Tratado de Lisboa para establecer os límites entre España e Portugal, sobre todo naquelas zonas onde a fronteira non estaba perfectamente definida, nese senso incidía que nesta actividade rememorarase dende o punto de vista académico e da reflexión o que foi a delimitación definitiva da fronteira entre España e Portugal. Avanzou o interese das xornadas a desenvolver en Tui polos temas tratar coma os problemas fronteirizos no século XXI, problemas de lindes marítimos, pero tamén a situación de cooperación que existe na actualidade no marco da Unión Europea.
O delegado do Ministerio de Defensa en Pontevedra, Lorenzo Sánchez Enjamio, salientou coma ao proporlles a celebración destas xornadas o primeiro lugar no que pensaron para realizalas foi a Eurocidade Tui-Valença pola súa situación estratéxica e devoción fronteiriza.
Ao longo dos dous días nos que se van desenvolver as xornadas están programadas un total de catro sesións específicas cos lema ‘A artificialidade das fronteiras como causa dos conflitos’, ‘ Os espazos marítimos xurisdicionais. Un reto á seguridade e desenvolvemento do século XXI’, ‘As fronteiras como zona de seguridade, cooperación e desenvolvemento’ e a última sobre ‘A cooperación transfronteiriza e a asociación entre territorios: realidade e retos’. Na xornada final, tamén está prevista a presentación do proxecto de Eurocidade Tui-Valença. A inauguración terá lugar o xoves ás 9.30h e a clausura o venres ás 19.30h.
A asistencia a estas xornadas é gratuíta e entregarase certificado de asistencia. Debido ao limitado do aforo é preciso inscribirse en santiagotec@fceer.org.


Sem comentários:

Enviar um comentário