A Xunta de Goberno do Concello de Tui aprobou este mediodía por unanimidade conceder a licenza de obra para a construción do novo Centro de Saúde de Tui. Deste xeito complétase o tramite a nivel municipal remitíndose hoxe mesmo este documento á Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia.
O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, salientou coma o Concello traballou man a man coa Xunta de Galicia en todo o proceso para a concesión desta licenza de obra dun proxecto que cualificou de interese social e de gran importancia, tendo en conta que esta é unha obra que ven sendo longamente demandada nas últimas décadas.
O novo centro de saúde construirase na rúa Casal Aboy, na traseira da Área Panorámica, cunha superficie de 3.500 metros cadrados nos que se distribuirán 22 consultas de medicina xeral, 4 de pediatría, unha área destinada a matrona e educación maternal, outra de odontoloxía, unha de fisioterapia e diversas salas polivalentes. Tamén estará dotado cun punto de atención continuada (PAC) con unha zona de consultas e de observación. O novo centro dará servizo a unha poboación de máis de 18 mil persoas. O seu orzamento supera os 4,8 millóns de euros. A obra debe estar rematada e xustificada antes do 31 de decembro de 2015 ao executarse con fondos europeos.
Sem comentários:
Enviar um comentário