O domingo 19 celebrarase na cidade a terceira proba do Open de Andainas de 25 quilómetros
Este sábado, 11 de outubro, disputarase en Tui o Campionato Galego de Escalada en Bloque organizado pola Federación Galega de Montañismo, o Concello de Tui, os clubs de montaña Tideo e Xistra. Amais o domingo 19 deste mes a cidade acollerá a terceira proba do Open de Andainas de 25 quilómetros.
Estas dúas actividades foron presentadas esta mañá polo alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, xunto ao presidente da Federación Galega de Montañismo, Adolfo Puch, vicepresidente do club Tideo de Montaña, Uxío Martínez, e o responsable do club de Montaña Xistra, Henrique Freixeiro, acompañados polo concelleiro José Ángel Villaverde.
O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, destacou a espectacularidade da proba de escalada, ao que engadiu que o percorrido da Andaina de 25 quilómetros polo Monte Aloia será extraordinario. Nese senso lembrou o traballo que tanto dende o Concello coma dende a Eurocidade se está a realizar la promoción da vida saudable, citando coma exemplo as Andainas Saudables que se están a realizar cada segundo sábado e último domingo de mes coa participación de máis dun centenar de persoas en cada unha delas.
Adolfo Puch, presidente da Federación Galega de Montañismo, sinalou que esta será a primeira ocasión que leven a cabo unha proba no municipio de Tui. Explicaba que o bloque é unha especialidade de escalada na que o deportista supera pasos de curta lonxitude cun máximo de 3 metros de altura que requiren moita intensidade de esforzo. A vitoria é para quen consiga resolver o maior número de probas no menor tempo e empregando o menor número de presas. Máis de 60 escaladores de alto nivel de toda Galicia e tamén do Norte de Portugal participarán nesta competición, entre eles estarán Miguel Feijoo, Fausto Blanco e César Álvarez. Tamén participarán membro do club Tideo de Tui.
Uxío Martínez, vicepresidente do Club de Montaña Tideo, que se presentará formalmente coas actividades previstas este mes, explicou que o obxectivo desta nova agrupación é potenciar as actividades na natureza, avanzando que instalarán un rocódromo de bloque para potenciar tamén a escalada.
Henrique Freixeiro, do Club de Montaña Xistra que leva 19 anos traballando, foi o responsable de explicar que na proba do Open de Andainas de 25 quilómetros que celebrará o 19 deste mes o obxectivo é regularidade de tal xeito que cada participante compite con el mesmo. A de Tui será a terceira proba, logo das dúas celebradas en Vigo, e resta unha cuarta que terá lugar nun emprazamento aínda por determinar. A saída da Andaina será o domingo 19 ás 10h do pavillón da Macoca e o tempo estimado que poden investir os máis de 60 participantes que se agardan oscilará entre as 4 e as 6 horas.
Sem comentários:
Enviar um comentário