Tui acolle esta fin de semana o I Campionato Galego de Horseball organizado polos clubs hípicos Equigalia de Tui e La Muralla de Vigo e a Federación Galega de Hípica, en colaboración co Concello de Tui.
A cita será esta fin de semana nas instalacións do Club Hípico Equigalia situado no Marco de Friande na parroquia de Pexegueiro na estrada Tui-Gondomar (42º 02´55.44" N - 8º 41´04.55" O). O sábado de 16.30h a 18.30h disputaranse as eliminatorias e o domingo de 11 a 13.30h as finais. Será un torneo triangular cunha categoría mixta e outra feminina. Amais celebrarase un partido de promoción para mozos de 14 a 16 anos.
A presentación desta proba deportiva tivo lugar esta mañá na Casa do Concello de Tui a cargo do alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, o concelleiro José Ángel Villaverde, os presidentes dos clubs organizadores, Luís López Pimentel do Club Hípico Equigalia e Hipólito Fernández do Club Hípico La Muralla, un dos xinetes que participará no campionato pertencente ao Club Hípico La Muralla, David Alonso, e o vogal da Federación Galega de Hípica, Joaquín González Troncoso.
O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, salientou que para o Concello de Tui é unha honra poder acoller este primeiro Campionato Galego de Horseball, lembrando que hai anos a cidade acolleu un dos primeiros partidos exhibición deste deporte en Galicia. Animou o rexedor tudense a acudir a este evento deportivo que cualificou de moi vistoso e espectacular.
Joaquín González Troncoso, vogal da Federación Galega de Hípica, agradeceu ao Concello de Tui acoller este competición ao tempo que amosou a súa satisfacción polo feito de que en Tui volva rexurdir o mundo da equitación.
Luís López Pimentel, do Club Hípico Equigalia, salientou coma en Tui daranse cita esta fin de semana os mellores xinetes desta modalidade deportiva. Mentres David Alonso, do Club Hípico La Muralla que competirá esta fin de semana neste Campionato Galego, salientou o espectacular deste deporte sobre todo no momento no que o xinete, sen desmontar do cabalo, ten que recoller o balón do chan. Engadía que se trata dunha práctica deportiva moi dinámica e rápida.
Sem comentários:
Enviar um comentário