“Xuventude en Movemento” é unha iniciativa da Unión Europea para dar resposta aos retos a que se enfrontan na actualidade os mozos e mozas e así axudalos a que teñan éxito na economía do coñecemento. Trátase dun programa marco da Estratexia Europa 2020 que pretende fomentar a mobilidade, a educación, o emprego e o espírito empresarial entre a xuventude. Para dar a coñecer esta iniciativa a Comisión Europea está a desenvolver en diversas cidades europeas unha campaña de información e sensibilización, en colaboración coas autoridades rexionais e locais, e chega á Eurocidade Tui-Valença os vindeiros 26 e 27 de outubro.
Os actos de campaña implican a organización de seminarios, debates, espectáculos, concertos de música, concursos, deportes, postos expositivos e actividades de celebración do vixésimo quinto aniversario do Programa Erasmus.
Nunha carpa a instalar no céntrico Paseo da Corredoira tudense, a Comisión Europea a través de diversas institucións participantes ofrecerá información sobre os seus programas de emprego, educación, cultura ou mobilidade (Erasmus, Marie Curie, Erasmus para Mozos Emprendedores). Ao longo da xornada organizaranse obradoiros sobre cómo utilizar os medios de comunicación social para procurar emprego, innovación no ámbito rural, o ensino de idiomas, a Formación Profesional Dual alemá, entre outros.
Ademais, o evento inclúe diversas actividades de caracter lúdico como un concerto na noite do venres, diversos mini-concertos ao longo do sábado, intervencións artísticas, unha andaina dende Valença ata Tui e outras activades deportivas. Co gallo do aniversario do programa Erasmus está prevista a presenza da nosa cidade de máis de 200 estudantes internacionais procedentes de diversas Universidades de Galicia e o Norte de Portugal.
Para o alcalde de Tui, a recente creación da Eurocidade Tui – Valença foi un valor determinante para que a Comisión Europea seleccionase esta proposta da de acoller na Eurorrexión Galicia Norte de Portugal este evento destinado aos mozos e mozas do noso territorio. Para o rexedor tudense, esta é unha oportunidade única para acceder de xeito directo á información das iniciativas europeas en materia de xuventude, especialmente ás referentes a emprego e formación. Nas nosas localidades, onde o desemprego xuvenil acada unhas cifras elevadas esta campaña informativa é unha oportunidade excepcional para coñecer as posibilidades que ofrecen as iniciativas europeas nesta materia.
Máis información en: http://ec.europa.eu/youthonthemove
https://www.facebook.com/pages/Xuventude-en-Movemento-Juventude-em-Movimento-TUI
https://twitter.com/JEM_XEM
Sem comentários:
Enviar um comentário