A Cámara de Comercio España-Israel xunto cos concellos de Ribadavia, Monforte de Lemos e Tui e coa colaboración do Centro Sefarad Israel e a Red de Juderías de España – Caminos de Sefarad, levarán a cabo a sinatura dun protocolo de colaboura para desenvolver o proxecto educativo e cultural chamado “SEFI, O AMIGO DE SEFARAD. Aventuras pola Rede de Xudarías”
Este proxecto ten como finalidade dar a coñecer as xuderías galegas en canto ao patrimonio histórico artístico e a convivencia entre xudeus e cristiáns galegos durante varios séculos, así como a súa forma de vida e cultura. Dito proxecto trata de afondar nunha parte importante da historia de Galicia nunha época na que os xudeus formaron parte da historia das nosas vilas e cidades, contribuíndo ao seu desenvolvemento económico, científico e cultural.
Este proxecto ten un enfoque didáctico e entretido, no que os rapaces podan coñecer e experimentar por medio dun xogo divertido e interactivo unha parte da historia de Galicia descoñecida para maioría dos galegos.
A sinatura de dito protocolo terá lugar na vila de Ribadavia, o vindeiro 24 de Outubro de 2012 ás 13:00 na Casa do Concello.
Para o Concello de Tui a participación nesta iniciativa é unha oportunidade para participar na promoción do seu patrimonio cultural e afondar nunha liña de traballo na que leva anos realizando un labor de difusión a través das actividades que realiza por medio das Xornadas Europeas da Cultura Xudía que anualmente se celebran na nosa cidade. A incorporación a este proxecto educativo reafirma o papel que a nosa cidade desempeña neste ámbito.
A cidade de Tui contou, na Idade Media, cunha activa comunidade xudía que segundo a documentación conservada posuía a súa sinagoga, un cemiterio e mesmo unha carnicería. Logo da expulsión dos xudeus en 1492 foi a comunidade conversa a que mantivo acesa a presenza da cultura xudía entre os tudenses salientando a figura do médico e filósofo, de ascendencia hebrea, Francisco Sánchez, nado en Tui no ano 1550 ou o conxunto de “sambenitos” da Catedral, conservados no Museo Diocesano de Tui, unha pezas únicas de principios do século XVII e que testemuñan un proceso inquisitorial contra acusados de practicas xudaizantes.
Sem comentários:
Enviar um comentário