quinta-feira, 4 de outubro de 2012

O CONCELLO RENOVA O MOBILIARIO DO PASEO DA CORREDOIRA E ABORDA OUTRAS OBRAS DE MELLORA NOS XARDÍNS E NA ALAMEDA


O Concello de Tui está procedendo na actualidade a unha obra de mellora e valorización do Paseo da Corredoira e da zona dos Xardíns, un ámbito urbano emblemático na nosa cidade polos seus valores patrimoniais e por conformar o espazo privilexiado do paseo e do lecer de tudenses e visitantes.
En concreto, no céntrico Paseo da Corredoira se está a proceder a renovación do mobiliario urbano existente dado o estado de deterioro do actual, instalando novos bancos ao longo deste paseo peonil. Realizados por unha empresa tudense estas novas bancadas unifican e homoxenizan este mobiliario e están adaptados para as persoas de maior idade o con dificultades de mobilidade ao posuír unha maior altura que os actuais. 
Outras obras de mellora consisten na impermeabilización do vaso da fonte na que está instalado o monumento aos cabalos salvaxes de Xoán Oliveira na Glorieta de Vigo, para o seu correcto funcionamento.
As intervencións abranguen tamén a zona do Parque Infantil coa instalación de parterres con céspede, novos equipamentos no parque e  colocación de setos na zona da Alameda de San Domingos.
Estas intervencións de mellora e adecuación de espazos urbanos supoñen un investimento de 50.000 euros, financiado nun 70% con fondos Feder a través dunha subvención da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e o 30% restante con fondos propios do Concello de Tui. Estas intervencións contan coa preceptiva autorización da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia.
O Alcalde tudense, Moisés Rodríguez Pérez, confía que estas intervencións contribúan a mellorar o aspectos destes lugares emblemáticos da nosa cidade que gracias a estas intervencións estarán en mellores condicións favorecendo o ornato público. Amais as bancadas retiradas tras a súa reparación serán instaladas noutros lugares do centro urbano tudense para continuar ofrecendo o seu servizo aos cidadáns.

Sem comentários:

Enviar um comentário