Onte mércores, 24 de outubro, tivo lugar na Casa do Concello de Ribadavia o acto de sinatura do protocolo de colaboración para a posta en marcha do proxecto educativo e cultural chamado “SEFI, O AMIGO DE SEFARAD. Aventuras pola Rede de Xuderías”.
Este proxecto está impulsado pola Cámara de Comercio España – Israel e conta coa participación dos Concello de Ribadavia, Monforte e Tui e colaboración da Red de Juderías de España e a Casa Sefarad – Israel.
Asinaron este protocolo o Alcalde do Concello de Ribadavia, Marcos Blanco Jorge, o Alcalde do Concello de Monforte de Lemos, Severino Rodríguez Díaz, o Alcalde do Concello de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, xunto ao Presidente da Cámara de Comercio España – Isarel en Galicia, Francisco Linares Moreno, e o responsable de relacións institucionais do Centro Sefarad Israel, Fernando Martínez-Vara del Rey.
Este proxecto ten como finalidade dar a coñecer as xuderías galegas en canto ao patrimonio histórico artístico e a convivencia entre xudeus e cristiáns galegos durante varios séculos, así como a súa forma de vida e cultura. Dito proxecto trata de afondar nunha parte importante da historia de Galicia nunha época na que os xudeus formaron parte da historia das nosas vilas e cidades, contribuíndo ao seu desenvolvemento económico, científico e cultural.
Este proxecto ten un enfoque didáctico e entretido, no que os rapaces podan coñecer e experimentar por medio dun xogo divertido e interactivo unha parte da historia de Galicia descoñecida para maioría dos galegos.
Para o Concello de Tui a participación nesta iniciativa é unha oportunidade para participar na promoción do seu patrimonio cultural e afondar nunha liña de traballo na que leva anos realizando un labor de difusión a través das actividades que realiza por medio das Xornadas Europeas da Cultura Xudía que anualmente se celebran na nosa cidade. A incorporación a este proxecto educativo reafirma o papel que a nosa cidade desempeña neste ámbito.
Sem comentários:
Enviar um comentário