quinta-feira, 18 de outubro de 2012

CULTURA E EDUCACIÓN DEVOLVE AO ARQUIVO MUNICIPAL DE TUI RECUPERA O FONDO DOCUMENTAL DESTE MUNICIPIO


O xefe territorial de Cultura e Educación en Pontevedra, César Pérez Ares, comprobou esta mañá o estado do fondo documental do concello de Tui que acaba de ser trasladado pola Consellería dende o Arquivo provincial ao Arquivo Municipal do municipio tudense.
 Nesta visita estivo acompañado polo alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, e polo coordinador da área de Cultura, José Manuel González. 
O fondo documental do concello de Tui, a raíz da creación legal dos arquivos históricos provinciais, e tal e como fixeron outros municipios, foi depositado en 1943 no Arquivo Provincial en Pontevedra, “xa que naquel momento o concello carecía de instalacións axeitadas e non se podía garantir unha adecuada custodia”, explicou Pérez Ares.
Está formado por 145 libros en soporte papel, cunhas datas comprendidas entre 1597 e 1834. “Todos os documentos se atopan escritos en castelán e están encadernados en pergameo”, segundo apuntou o coordinador da área de Cultura da Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel González, quen destacou que “o seu estado de conservación, en xeral, e a pesar de algúns problemas de manchas de humidade, é bo, aínda que algúns libros presentan certa fraxilidade”.
A maior parte da documentación componse de dúas series fundamentais, unha sobre a cidade de Tui na Idade Moderna (de entre 1597 e 1775 e que recollen os acordos municipais) e a historia xeral de Galicia tamén na Idade Moderna, “con auténticas copias das Juntas del Reino de Galicia entre 1608 e 1834, nas que se salientan as actas das Cortes do Reino de dito período”, explicou pola súa banda Moisés Rodríguez, destacando así a importancia dos documentos que agora volve a acoller a localidade do Miño. “Contamos tamén con exemplares dos libros de Legos do Catastro do Marqués da Ensenada da Cidade de Tui e da freguesía de San Xurxo de Saiáns, Cartas Ordes sobre o imposto de Millóns, sobre a Formación do Rexemento de Milicia e instrucións sobre donativos de terra de labranza”.
O concello de Tui solicitou en 2005 a devolución desta documentación histórica. “Enviamos a unha técnica a Pontevedra para ver as condicións necesarias para a súa conservación nas nosas instalacións municipais”, engadiu Rodríguez. “Nos esixían que rematáramos o reorganización do arquivo administrativo xa existente, de cara a definir e acondicionar o espazo no que se ía a instalar esta documentación. Agora ese paso xa está dado e contamos co persoal técnico adecuado, o que garante a correcta conservación desta documentación e a súa posta ao servizo dos investigadores”.
Mentes, segundo apunto o xefe territorial de Cultura e Educación, César Pérez Ares, “ante a solicitude de devolución da documentación por parte do concello, no Arquivo Provincial realizouse unha labor de descrición do fondo e dixitalización do mesmo que conta na actualidade con 48 DVD, o que se traduce en 62.400 imaxs dixitalizadas”.
O libro máis antigo que forma parte desta documentación é de 1598 e o máis recente de 1711. “Os libros están manuscritos”, apuntou Pérez Ares, “aínda que algúns documentos presentan letra impresa. Neles podemos coñecer as funcións do concello durante eses séculos; as actividades culturais e lúdicas; as interaccións entre o deán e o cabido de Tui co concello ou, por exemplo, a correspondencia de Tui coas outras seis capitais da provincia”.
Tamén se contemplan cuestións como a correspondencia co gobernador capitán xeral do Reino de Galicia, a constante fricción con Portugal como cidade fronteiriza, e temas militares e de tipo fiscal. 

Sem comentários:

Enviar um comentário