Logrou diploma nos XXOO de Londres, o cuartos nos que ten participado
O deportista tudense Frank Casañas foi recibido esta mañá no concello de Tui tras a súa participación o pasado mes de agosto nos Xogos Olímpicos de Londres onde logrou un diploma olímpico.
A recepción oficial desta mañá foi presidida polo alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, acompañado do concelleiro de Deportes, Nicolás Lorenzo, e dos edís Jose Ángel Villaverde e Vanesa Rodríguez. No salón de sesión, onde se celebrou o acto, tamén estivo a familia do homenaxeado e membros do Club Kaiak Tudense.
O concelleiro de Deportes de Tui abriu o acto indicando que é unha honra recibir a este tudense. Engadía que tamén en Tui hai outras disciplinas amais do piragüismo na que os deportistas teñen éxito. Desexou sorte a Frank Casañas de cara aos Xogos Olímpicos de Río para que aí poida sumar unha medalla aos dous diplomas olímpicos con que conta xa e pechar con ese éxito a súa carreira deportiva. O responsable de deportes puxo a dispor deste atleta as instalacións deportivas municipais para que poida adestrar e convidouno á inauguración da rúa dos Olímpicos Tudenses que se realizará nunha data aínda por determinar.
O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, puxo de relevo a importancia de arroupar aos nosos deportistas que levan o nome de Tui por todo o mundo. Salientaba tamén que participar nuns Xogos Olímpicos é xa un logro en si mesmo, ao que neste caso Frank Casañas sumou un diploma olímpico.
Por último Frank Casañas amosouse contento e agradecido polo apoio dos tudenses, salientando que ese apoio e recoñecemento para os deportistas é moi importante. Engadía que “é unha satisfacción para min estar hoxe aquí como un tudense máis” . Concluía emocionado que isto o anima a seguir buscando medallas que dedicarlle ao pobo tudense.
Sem comentários:
Enviar um comentário