sexta-feira, 2 de março de 2012

O CONCELLO DE TUI LEVA XA MESES TRABALLANDO EN LOGRAR UN CENTRO ESPECIALIZADO EN TECNIFICACIÓN DEPORTIVA PARA TUI


O goberno municipal tudense, por medio do seu concelleiro de deportes se congratula que á vista das informacións recollida hoxe en diversos medios de comunicación o grupo municipal socialista tudense se sume ao traballo que estamos a desenvolver para conseguir en Tui un centro especializado en tecnificación deportiva. O concelleiro Nicolás Lorenzo Montes aproveita para informar á opinión público do traballo que nos últimos nove meses ten desenvolvido este goberno municipal coa pretensión de lograr que o Centro Interfederado sexa un referente a nivel nacional e internacional do piragüismo e de remo, “marcándonos como obxectivo a catro anos a súa transformación en Centro Especializado de Tecnificación deportiva dependente do Consello Superior de Deportes e do Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra”.
Asi na recente visita efectuada a Tui polo Secretario Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete Lasa, co gallo do partido amigable entre Galicia e Arxentina presentóuselle este obxectivo deportivo e foi elaborado un amplo dossier ao respecto que nestes momento xa obra en poder desa Secretaria Xeral.
Tamén froito do traballo realizado neste ámbito pola concellería de deportes está confirmada, dende hai días, a visita o vindeiro mércores 7 de marzo da Deputada Provincial de Deportes, Begoña Estévez, para coñecer as instalacións do Centro Interfederado tudense e presentarlle o anteproxecto elaborado por este Concello. 
O goberno municipal leva pois traballando meses nesta aposta clara e decidida por un proxecto desta envergadura onde é fundamental a unión de forzas entre clubs, xunto ao Concello. Un labor que poden testemuñar todos os axentes implicados e no que cómpre involucrar a outras administracións públicas un labor que como queda en evidencia se está desenvolvendo con intensidade.
En diversas entrevistas en medios de comunicación, continúa o concelleiro de deportes, foi anunciada esta vontade do goberno municipal de potenciar este Centro Interfederado e lograr a súa conversión nun centro especializado. 
Por tanto, á vista de todo o referido resulta sorprendente o manifestado polo grupo municipal socialista de Tui en relación a este tema ocultando todo este traballo que leva adiante a concellería de deportes. Estamos diante dunha clara mostra de oportunismo político ou, en todo caso, de descoñecemento do traballo que desenvolve o Concello de Tui.
Cabe lembrarlle aos concelleiro socialistas, sinala Lorenzo Montes, que a celebración  do Campionato de España de Maratón terá lugar na nosa cidade gracias ao traballo conxunto do goberno municipal co Club Kaiak tudense, e logo dun calado pero intenso esforzo. De feito esta concellería mantén reunións semanais co Club Kaiak para organizar este evento.
Un exemplo claro da aposta decidido polos deportes de Río foi o éxito do pasado Descenso do Miño, polo que, remata o concelleiro de deportes, neste 2012 seguimos apostando no Descenso como proba principal do calendario anual desta concellaría e isto vese referendado na concesión do Campionato de España de Maratón de piragüismo, como paso previo á organización dun Campionato de maior alcance que coloque á cidade de Tui no lugar que lle corresponde polo extraordinario palmarés deportivo que posúe no ámbito do remo e o piragüismo.

Sem comentários:

Enviar um comentário