Play-Doc Festival Internacional de Documentais de Tui, que terá lugar do 21 ao 25 de marzo, dedícalle unha retrospectiva de sete filmes ao reputado director norteamericano Ross McElwee, que presentará a súa última película, Photographic Memory, acompañado do seu fillo Adrian. Nela, o rapaz, que aparece en boa parte da súa filmografía, xoga un papel importante como co-protagonista, ao tratarse dunha reflexión sobre as relacións paterno-filiais, o paso do tempo e a memoria; na que McElwee viaxa á Francia da súa pos-adolescencia nun intento por entender mellor que pasa pola cabeza do seu desnortado primoxénito.
O documental acadou moi boas críticas no circuíto de festivais, comezando por Venecia, onde tivo a estrea mundial en 2011. Mais McElwee non é alleo ao éxito. Este profesor de cinema en Harvard gañou en 1987 o Gran Premio do Xurado de Sundance por Sherman's March, e en 2003 acadou o galardón a mellor documental por Bright Leaves nos Spirit Awards, os Oscar do cinema independente. Estas dúas obras maxistrais, nas que o autor realiza un retrato da súa natal Carolina do Norte, crearon escola en moitos cineastas estadounidenses, que ven nel a principal referencia do documental autobiográfico, xénero que leva exercendo cunha frescura e ironía singulares dende mediados dos 70.
Xa nos inicios da súa carreira, destacou pola súa capacidade para lograr a empatía dos entrevistados, de sorte que consegue transmitir as conversas cunha naturalidade que convirte aos protagonistas en amigos do espectador. Tal é o caso de Charleen (1977), retrato dunha antiga profesora de instituto do director. O seu é o cinema do diario filmado, un caderno de notas persoal no que reflexiona a modo de ensaio sobre temas que o preocupan como a procura dun amor que non chega, o ciclo da vida, o perigo nuclear, ou un enfrontamento ambiguo e constante coa súa figura paterna. En definitiva, McElwee filma e pensa o seu entorno, como fai en Backyard (1984), estudo da sociedade sureña gravado como crónica familiar, sen saír do seu xardín.
Completan a retrospectiva Time Indefinite (1993) e Six O'Clock News (1996). Nesta última, o realizador indaga en comunidades devastadas por desastres naturais. Cando xa marchou toda cámara de televisión, chega el para recoller o contraplano que os medios non difunden. A primeira quizais sexa a súa película máis persoal. Enésima crónica familiar, nela inclúe a morte do seu pai, a súa voda e o nacemento do seu fillo. Chea de humor negro e unha doce ironía, é un complexo estudo das emocións humanas.
Sem comentários:
Enviar um comentário