segunda-feira, 3 de setembro de 2012

A ASOCIACIÓN DE AMIGOS DA CATEDRAL ORGANIZA UNA EXPOSICIÓN TEMPORAL NA CATEDRAL DE TUI SOBRE SAN PAIO


A Asociación de Amigos da Catedral de Tui ten organizado unha exposición que baixo o título de “Pulcher Pelagius” quere conmemorar o MC aniversario deste santo, natural da nosa diocese, que está estreitamente relacionado con templo catedralicio da nosa cidade.
Nesta exposición os visitantes poden realizar un percorrido pola traxectoria vital de San Paio a través de diversas pezas artísticas procedentes da propia Catedral tudense. Comeza esta mostra cunha referencia as ascendentes de San Paio, procedente dunha familia relacionada coa alta aristocracia altomedieval galega, reseñando especialmente a figura de dous bispos tudenses parentes de San Paio: San Vimara e Hermoxio. A toma como prisioneiro deste último na batalla de Valdejunquera (Navarra) pola tropas de Abderramán III está na orixe do proceso martirial de San Paio. Pois como era frecuente naqueles tempo o bispo Hermoxio deixa como refén ao seu sobriño Paio, un mozo adolescente de trece anos, en Córdoba namentres que él reúne o rescate pactado. Tras tres anos de cativerio é martirizado e a súa sona esténdese rapidamente pola Cristiandade.
Na exposición podemos seguir este proceso da vida e do culto pelaxiano a través de diferentes obxectos patrimoniais conservados na Catedral tudense. Mesmo a propia ubicación da exposición é xa unha referencia pois na Capela das Reliquias onde atópase unha reliquia no neno-mártir. Na exposición podemos contemplar –ata mediado de setembro en que será cedido a unha exposición na Cidade da Cultura- o “Pasionario tudense”, un manuscrito do século XII que recolle a “Pasio” de San Paio redactada polo presbítero cordobés Raguel ao pouco do seu martirio, antes do ano 967 en que os restos de San Paio son trasladados a León. Unha das pezas mais importantes do patrimonio documental tudense.
Os lenzos de procedencia italiana, so século XVI, con San Vimara ou o martirio de San Paio; unha talla barroca do século XVIII, o báculo do Bispo Lago que leva unha representación iconográfica de San Paio, diversas fotografias de Ruth Mathilda Anderson tomadas nos actos celebrados en Tui co gallo do milenario do seu martirio en 1925... son pezas de singular relevancia que conforman esta exposición “Pulcher Pelagius”.

Sem comentários:

Enviar um comentário