Esta pasada fin de semana a cidade de Tui foi escenario das actividades programadas arredor da celebración da Xornada Europea da Cultura Xudía pola Concellería de Cultura tudense para divulgar e poñer en valor á achega da cultura xudía á historia e o patrimonio de Tui.
De novo as visitas guiadas celebradas acadaron un grande éxito de participación, especialmente a visita nocturna celebrada o venres, 31 de agosto, a partires das 22,00 horas e que contou coa participación de arredor de 300 persoas que percorreron as rúas do conxunto histórico tudense apreciando os vestixios da presenza da comunidade xudía na nosa cidade, con especial mención aos lugares que serviron de cárcere ao longo dos séculos. Dirixida polo historiador Suso Vila este itinerario abriu o programa das Xornadas da Cultura Xudía de Tui.
Este programa completouse o sábado, 1 de setembro, cunha visita guiada polo historiador Rafael Sánchez Bargiela, á colección de “sambenitos” da Catedral tudense e conservados no Museo Diocesano. Estas pezas son un testemuño excepcional da presenza dos conversos ou “cristiáns novos” no territorio tudense. Finalmente o domingo, 2 de setembro, José Ramón Fernández Fernández dirixiu á visita aos elementos de orixe xudía existentes na Catedral de Santa María de Tui, especialmente diversas pezas de ourivería no Museo Catedralicio e o gravado da “menorah” ou candeeiro de sete brazos existente no Claustro catedralicio. Nesta visitas participaron arredor de 50 persoas en cada unha.
Estas actividades, segundo a concelleira de cultura Vanesa Rodríguez Pérez, demostran o interese por achegarse ao coñecemento da vida dos habitantes da cidade na Idade Media e en especial dos xudíos que conviviron con tudenses naquela época. Para os responsables municipais tudenses a celebración por sexto ano desta Xornada Europea da Cultura Xudía en Tui posibilita ofrecer a veciños e visitantes o coñecemento de aspectos ata agora escasamente divulgados, como é neste caso o patrimonio vencellado á presenza dos xudíos en Tui, e que redundará nunha maior valorización do noso conxunto histórico. O Concello de Tui a través da concelleira de cultura agradece a colaboración de persoas e entidades que teñen cooperado no éxito desta Xornada que congregou a mais persoas que en anteriores edicións, consolidando esta celebración como unha referencia do programa cultural tudense.
Como complemento a estas Xornadas a Sala Municipal de Exposicións acolle ata o vindeiro 8 de setembro unha mostra titulada “25 años de Relaciones Diplomáticas España – Israel, vistos con humor por la prensa israelí y española”. Esta mostra está organizada pola Embaixada de Israel en España coa colaboración do Centro Sefarad Israel e a Asociación de la Prensa de Madrid.
Sem comentários:
Enviar um comentário