Un total de dez espectáculos conforman a programación de outono que se vai poder gozar no Teatro Municipal de Tui dende este venres, 5 de outubro, e ata o 28 de decembro.
Estas actividades foron presentadas esta mañá no vestíbulo do propio teatro polo alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, a concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez, e dous dos artistas que participarán na programación, o músico tudense Samuel Diz, e unha das integrantes de Leilía, Montserrat Rivera.
A concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez, explicou que a programación consta de 10 espectáculos dos que sete forman parte da Rede Galega de Teatros e Auditorios, un máis, con dobre función, é a ultima montaxe do Centro Dramático Galego que chega a Tui ao través do AGADIC, e os outros dous son financiados integramente polo Concello, sendo o concerto de Samuel Diz e o concerto de fin de ano. Salientaba que están moi orgullosos de comezar a programación con alguén da casa.
A edil de Cultura tivo palabras de agradecemento para o público que segue confiando na programación do Teatro Municipal como demostra os 300 espectadores de media rexistrados no primeiro semestre deste ano. Isto dicía Vanesa Rodríguez “anímamos a seguir traballando”. Aludiu amais ao feito de que en 2013 cúmprense dez anos da posta en marcha do Teatro Municipal cunha aposta por unha programación estable de calidade e variada.
A programación do outono conta cun orzamento de 34 mil euros, un 15% menos que a do outono de 2011. O 55% do importe é aportado polo AGADIC e o 45% polo Concello.
O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, explicou pola súa parte que en Tui a cultura sempre foi unha prioridade. Engadía que “hai que seguir apostando pola cultura sobre todo pola cultura propia do país”. Salientaba amais que “hai que seguir mantendo a estabilidade e a potencialidade cultural de Tui”. Para o rexedor tudense o Teatro Municipal ten un importante rendemento social e cultural, así como un gran equipo técnico. Agradecía amais a colaboración nesta programación doutras institucións como a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra.
O músico Samuel Diz actuará este venres ás 21.30h nun concerto en solitario no Teatro Municipal, un evento musical que será moi especial para el por dobre motivo por ser en Tui e porque será o fin dun ano que considera o mellor da súa carreira. O concerto estará dividido en dúas partes a primeira xirará entorno ao compositor galego Jesús Bal y Gay e na segunda presentará o seu proxecto “On the Road” no que contará coa colaboración da bailarina Gisela Creus.
O segundo espectáculo desta programación, o venres 19 deste mes, será a presentación do quinto traballo de Leilía “ConSentimento” no que renden homenaxe ás mulleres como creadoras e transmisoras. Este concerto terá unha posta en escena moi coidada para o que contaron coa axuda de Quico Cadaval.
Montserrat Rivera felicitou ao Concello de Tui por estes dez anos de teatro e por ter sensibilidade coa cultura e manter a programación.
A seguinte cita no Teatro Municipal será o venres 26 e o sábado 27 de outubro co Centro Dramático Galego que en dobre función presentará a súa montaxe “O Profesional”.
O venres 9 Teatro do Atlántico presentará “E.R.” (Algún día traballaremos xuntas”. O 16 de novembro os nenos son os destinatarios do espectáculo musical “Ola ola lá!” de Mama Cabra no que interactuarán moito co público. Ao día seguinte Producións Teatrais Excéntricas representará “Oeste Solitario”.
Os máis pequenos volverán ser protagonistas nos próximos tres espectáculos: o 23 de novembro en “Grillos y Luciérnagas” de La Machina Teatro, o venres 14 de decembro en “Nuncabunga” da man de Elefante Elegante, e o venres 21 de decembro co espectáculo de maxia de Martín Camiña.
A programación rematará o venres 28 de decembro co concerto de Fin de Ano a cargo da Coral Polifónica da S.I. Catedral e a Banda de Música Popular de Tui.
Toda esta programación pode consultarse na axenda cultural Corredoira ou na web www.culturatui.info. Lembramos que as entradas están á venda nesta web durante a semana do espectáculo ou o mesmo día no despacho de billetes hora e media antes de que comece a función.
Sem comentários:
Enviar um comentário