segunda-feira, 17 de dezembro de 2012

O ALCALDE DE TUI RECIBIU A UN GRUPO DE AFECTADOS POLAS PREFERENTES E SUBORDINADAS


Expresou o seu compromiso por continuar traballando a prol dunha resolución desta problemática
O Alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, acompañado doutros membros do goberno municipal tudense recibiu esta maña a un grupo de afectados polas preferentes e subordinadas do Baixo Miño que reiteraron diante dos edís tudenses as súas reivindicacións e demandas arredor desta problemática reclamando o apoio do Concello de Tui.
O rexedor Rodríguez Pérez expresoulles aos afectados o seu compromiso por continuar traballando na procura de solucións que posibiliten unha resolución axeitada deste importante problema social que afecta a un colectivo significativo dos municipios do Baixo Miño.
Moisés Rodríguez lembra como o Concello de Tui xa adoptou no Pleno da Corporación Municipal do pasado mes de marzo un acordo neste mesmo sentido. Posteriormente e na liña marcada polo acordo plenario xestionouse a presenza na Casa do Concello de técnicos do Instituto Galego de Consumo que ofrecían asesoramento aos afectados, labor que desenvolveu posteriormente a Oficina Municipal de Información ao Consumidor.  Foron atendidas máis de 450 consultas, de persoas procedentes da comarca do Baixo Miño, sobre o tema da comercialización de participacións preferentes emitidas por diversas entidades bancarias solicitando máis do 90% delas a arbitraxe impulsada polo IGC. Na actualidade xa 111 veciños de Tui recuperaron os seus aforros gracias a este sistema de arbitraxe, nun proceso que aínda continúa o seu desenvolvemento.
Resulta evidente o importante traballo desenvolvido, ata agora, dende o Concello tudense, na procura dunha solución axeitada para os afectados por esta mala praxis na comercialización destes productos financeiros en liña co acordo do Pleno da Corporación do pasado mes de marzo. O Alcalde amosou o seu compromiso para promover novas xestións diante das autoridades competentes para procurar, se cabe, novas alternativas nesta problemática.

Sem comentários:

Enviar um comentário