quinta-feira, 20 de dezembro de 2012

O ALTO DOS CUBOS É UN DOS XACEMENTOS QUE FIGURAN NO PROGRAMA PROVINCIAL INTEGRAL PARA O APROVEITAMENTO TURÍSTICO DOS CASTROS E DOS RECURSOS GALAICO-ROMANOS DA PROVINCIA


A Deputación en colaboración coa Xunta e cos concellos promove un investimento de 2,5 millóns de euros en accións de limpeza, mantemento, sinalización, difusión, escavación, musealización e dixitalización dos distintos xacementos arqueolóxicos da provincia
O Alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, participou onte en Pontevedra no acto de posta en marcha do Programa Provincial Integral para o aproveitamento Turístico dos Recursos Galaico Romanos promovido pola Deputación Provincial de Pontevedra. Esta xuntanza de traballo foi presidida polo Presidente da Deputación Provincial de Pontevedra, Rafael Louzán Abal, xunto co Director Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, José Manuel Rey Pichel e participaron os alcaldes de municipios que albergan xacementos arqueológicos xunto con responsables técnicos da entidade provincial e de diversos concellos.
O Plan centrarase xunto co xacemento tudense do Alto dos Cubos, nos castros visitables de: Castrolandín (Cuntis), Coto de Altamira (As Neves); Alto da Cruz do Castro (Cotobade), Castro de Alobre (Vilagarcía), Adro Vello ( O Grove) Monte Castro (Ribadumia), A Lanzada ( Sanxenxo) Castro da Subida ó Cividá (Marín), Castro das Croas (Pontevedra), Monte Facho (Cangas), Castro da Punta do Muiño do Vento e Castro de Vigo (Vigo), Castro de Troña (Ponteareas), Castro de Torroso (Mos), Castro de Santa Tegra (A Guarda) e Igrexa Vella de (Valga). Posteriormente, afectará a outros da provincia. Dentro desta intervención a Deputación pretende incluír tamén o Proxecto Depodeza para a posta en valor da riqueza castrexa da comarca do Deza. 
Informouse que a Deputación pretende establecer vías de colaboración cos Concellos, coa Secretaría Xeral para o Turismo e coa Dirección Xeral de Patrimonio para traballar de forma conxunta na posta en valor, limpeza, mantemento, sinalización, difusión/promoción, escavación, musealización e dixitalización segundo cada caso, dos distintos xacementos arqueolóxicos da provincia de Pontevedra. O Plan para o aproveitamento turístico dos xacementos prevé un investimento total de 2,5 millóns de euros. 
A potenciación dos xacementos suporía a ampliación da oferta turística provincial. Así, o tradicional turismo de ocio e deportes se sumaría o turismo cultural, moi unido ao emerxente turismo de relax ou termal, tan importante na provincia de Pontevedra. Tamén incidiría na ampliación e desestacionalización da tempada turística “da época estival pasaríase a unha oferta anual e continuada”, dixo Rafael Louzán. 
Tamén se persegue con este proxecto a captación de potenciais novos turistas, especialmente en mercados estranxeiros, a través dunha oferta cultural innovadora e a revalorización do turismo de calidade que ofrecen as comarcas pontevedresas mediante o fomento e difusión dun elemento de interese arqueolóxico, histórico e cultural.
Para o Alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, este proxecto é unha feliz iniciativa da Deputación Provincial para a posta en valor dun importante elemento patrimonial do noso concello como é o xacemento castreño do “Alto dos Cubos ou Cabeza de Francos” que foi escavado en diversas oportunidades e que no seu emprazamento dotado dunha ampla panorámica paisaxística sobre o Val do Miño. Gracias a este proxecto este castro ubicado nas abas do Monte Aloia, na parroquia de Pazos de Reis, disporá daqueles elementos precisos para a súa contextualización e valorización polos visitantes. Esta intervención dotará de máis “valor engadido” ao Parque Natural do Monte Aloia –onde esta ubicado- e ao propio conxunto monumental tudense. Deste xeito, remata o rexedor tudense, se incrementan as potencialidades patrimoniais e turísticas de Tui.

Sem comentários:

Enviar um comentário