Tamén o fixeron os Concello de Mos, Porriño e Salceda de Caselas O consorcio xestionará o ciclo completo da auga dos case 60.000 habitantes destas catro administracións municipais. O novo ente irá un paso máis alá da xestión da EDAR de Guillarei e encargarase de todo o saneamento e abastecemento, inspección, explotación de todas as instalacións de potabilización, depuración e bombeo do ámbito territorial
A sociedade configúrase como local, aínda que con participación autonómica, polo que a Xunta permanecerá para garantir a sostibilidade institucional e económica nos primeiros anos ata o seu autofinanciamento. É unha iniciativa pioneira en Galicia
Logo de ultimada toda a tramitación previa, onte foron aprobados polo Pleno do Concello de Tui os Estatutos do Consorcio do Louro así como plenos dos concellos de Mos, O Porriño e Salceda de Caselas.
Cómpre recordar que no ano 2009 a Xunta de Galicia puxo en marcha a estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Guillarei e impulsou a creación dun consorcio que se encargara da xestión do sistema de saneamento do Louro, o cal inclúe a citada EDAR. Pero o novo ente irá máis alá da idea inicial de xestión da EDAR de Guillarei, xa que se encargará de todo o saneamento e abastecemento, inspección, explotación de todas as instalacións de potabilización, depuración e bombeo do ámbito territorial.
O novo consorcio xestionará o ciclo completo da auga dos 58.918 habitantes dos 4 concellos pontevedreses. A prestación deste servizo integral implica a garantía ambiental para o río Louro, non só coa xestión do saneamento, senón cun sistema de inspección máis rigoroso dos vertidos das industrias; o servizo da depuración da EDAR de Guillarei e a sostibilidade económica, financeira e institucional na xestión.
O consorcio configúrase como local, aínda que con participación autonómica, polo que a Xunta permanecerá para garantir a sostibilidade institucional e económica nos primeiros anos, ata o seu autofinanciamento. Cabe recordar que o consorcio será o que xestione directamente os ingresos polos servizos da auga, en vez de recibir transferencias dos concellos, o que evitará problemas no futuro por débedas ou reparto de custos.
Unha vez adoptados estes acordos de aprobación definitiva dos estatutos e de constitución desta entidade local o Consello da Xunta os aprobará, mediante decreto, que se publicará no DOG xunto co texto íntegro dos Estatutos, e tras este último trámite procederase a súa constitución definitiva do Consorcio e ao inicio do seu funcionamento.
Sem comentários:
Enviar um comentário