quarta-feira, 5 de dezembro de 2012

O CONCELLO DE TUI ACOMETE UNHA NOVA CAMPAÑA DE LIMPEZA DE PINTADAS NO CONXUNTO HISTÓRICO


Solicita a colaboración cidadán para erradicar este atentado ao patrimonio
O Concello de Tui ten desenvolvido unha nova campaña de limpeza das numerosas pintadas que degradan o conxunto histórico da nosa cidade. Xa nos últimos meses do pasado ano foi acometida outra intervención semellante para recuperar o ornato en numerosos enclaves do casco monumental tudense alterado por pintadas.
Agora transcorrido case un ano cómpre realizar unha esta nova intervención pois ultimamente estamos sufrindo nesta zona da nosa cidade numerosas agresións ao patrimonio cultural mediante a realización de pintadas en edificios e monumentos. Unha empresa especializada procedeu de novo á limpeza destes enclaves monumentais para recuperar a imaxe da nosa cidade histórica.
O concelleiro do conxunto histórico, Nicolás Lorenzo Montes, solicita á colaboración cidadá para evitar novas pintadas que degradan a zona monumental tudense xerando unha perdida da harmonía estética e causando normalmente un especial dano nos elementos máis relevantes do conxunto histórico. Unicamente unha estendida conciencia de que estas “intervencións” non contribúen ao benestar colectivo, senón a estragar a imaxe da nosa cidade diante dos visitantes que percorren as nosa rúas e a alterar a humanización desta zona da cidade, logrará desterrar definitivamente este atentado ao noso patrimonio. Amais a reparación destas pintadas supón para o Concello de Tui un importante gasto económico.
Xa persoal do Concello tiña procedido, hai unhas semanas, a reparar algunhas pintadas, como as realizadas recentemente na entrada ao túnel das Monxas Encerradas, nunha parede arranxada hai poucos meses e que ao pouco tempo foi xa obxecto destas pintadas, como pode apreciarse nas fotografías que acompañan. Agora unha empresa especializada ten abordado unha ampla intervención que contando con métodos respectuosos co patrimonio devolven o ornato e a necesaria harmonía ao conxunto monumental tudense.
Dende o Concello de Tui se insiste na necesaria colaboración de residentes e visitantes á zona histórica para desterrar estas accións vandálicas e chamase á responsabilidade aos autores destas pintadas que degradan un espazo secular de convivencia como son as rúas e prazas do conxunto histórico tudense.

Sem comentários:

Enviar um comentário