segunda-feira, 3 de dezembro de 2012

PLAY-DOC DE TUI, NA TELEVISIÓN DIXITAL DE R


O Festival Internacional de Documentais de Tui lanza unha canle de subscrición con R, onde se poderán ver algúns dos títulos máis representativos da súa programación Play-Doc TV inaugúrase cunha retrospectiva de Ross McElwee, referente do documental autobiográfico en Estados Unidos.
Play-Doc, Festival Internacional de Documentais e máis R, o operador galego de comunicacións por fibra óptica, presentaron esta mañá en rolda de prensa a nova canle de subscrición Play-Doc TV para acceder, a través do servizo de vídeo baixo demanda de R, a contidos presentados anualmente no festival.
A iniciativa pretende ampliar a proposta do certame dando a coñecer un tipo de cinema documental que habitualmente non ten cabida nos espazos comerciais de exhibición e ao que é difícil acceder fóra do circuíto de festivais.
Desta forma, unha selección dos documentais máis destacados que pasaron e que pasarán polo festival, así como a obra de grandes realizadores aos que Play-Doc consagra amplas retrospectivas, exhibiranse agora tamén no catálogo de vídeo baixo demanda de R, chegando deste xeito a máis de 100.000 fogares en toda Galicia.
Play-Doc é un dos máis importantes certames do audiovisual galego e unha das citas de referencia no panorama estatal de festivais. A súa rigorosa e selecta programación, unidas á excelente acollida do público, son as claves do éxito deste certame independente. Pero é sobre todo o público xerado por Play-Doc, fiel, masivo e heteroxéneo, o que levou aos seus organizadores e ao operador galego R a programar a creación dunha nova plataforma, para lle dar maior visibilidade e acceso a este tipo de contidos.
Sistema de subscrición Os clientes de televisión de R poderán acceder a esa escolma de documentais de Play Doc a través do servizo de “subscricións” de R, gratuíto neste período de lanzamento. A televisión
dixital interactiva do operador galego permitirá acceder á lista de contidos á que o cliente se subscribe e visionar os documentais tantas veces coma queira, no momento que desexe e facendo pausas ou rebobinando ao seu gusto.
A canle Play-Doc TV comezou a súa programación en R coa filmografía completa de Ross McElwee, figura esencial do documental autobiográfico norteamericano, como prato forte. A ela súmanse unha selección dos contidos máis representativos que pasaron por Play-Doc nos últimos anos. Novos títulos iranse engadindo cada mes á canle, de maneira que o subscritor poderá acceder cada vez a máis documentais.
A organización de Play-Doc agradece a R a posibilidade que lle brinda ao festival de Tui de iniciar esta nova aventura, que supón un crecemento para o propio certame e unha oportunidade de ofrecer unha televisión de calidade e especializada.

Sem comentários:

Enviar um comentário