Haberá un torneo 3x3 de baloncesto e unha exhibición de graffitis
O vindeiro sábado, 6 de outubro terá lugar a reapertura da pista polideportiva do Penedo logo da reforma acometida por iniciativa da Concellería de Deportes do Concello de Tui que dirixe Nicolás Lorenzo Montes.
Esta obra de acondicionamento abrangueu as seguintes actuacións novo mobiliario antivandálico que consta de 4 canastras y dúas porterías repintado da pista de xogo arranxo do peche perimetral colocación de bancadas nova iluminación.
O acceso a estas instalacións é libre e dependendo da demanda esta pista estará iluminada en inverno de 19:00 a 23:00 horas.
Para esta reapertura a concellería de deportes coa colaboración do Club Baloncesto Tui e a tenda de roupa deportiva Lito Sport organiza este sábado 6 de outubro un torneo 3x3 de baloncesto de 16:30 a 20:30 horas. Os afeccionados interesados, con idades comprendidas entre os 11 e 17 anos, poden inscribirse gratuitamente no vello pavillón polideportivo municipal ata o venres 5 de outubro ás 21:00 horas.
Paralelamente a este torneo haberá en colaboración coa Asociación Deportiva “Ondiñas” unha exhibición de graffiti coa decoración dos muros do aliviadoiro existente nas inmediacións desta pista polideportiva. A temática destes graffitis estará centrada no deporte. A concellería agradece a Augas de Galicia a colaboración nesta iniciativa.
O orzamento desta obra de acondicionamento da Pista Polideportiva do Penedo acadou os 22.027,74 euros que son financiados integramente con fondos propios do Concello de Tui. Para o concelleiro de deportes esta obra era unha prioridade da concellería pois é unha pista para a práctica deportiva nunha zona de esparcemento da cidadanía que se atopaba en malas condicións para o seu uso. Con esta intervención a concellería de deportes continúa mellorando e ampliando a súa oferta de instalacións e equipamentos para a práctica deportiva. Axiña comezarán tamén na zona do Penedo as obras de instalacións dunha pista de skate, tal como tiña sido anunciado polo concelleiro Lorenzo Montes.
Sem comentários:
Enviar um comentário