segunda-feira, 1 de outubro de 2012

EXCELENTE BALANCE DAS ACTIVIDADES DESTE DOMINGO NO CONXUNTO HISTÓRICO: 150 ANOS DA PRAZA DO PRACER E A NOITE ABERTA


Baixo o lema “Vive o conxunto histórico: 150 anos da praza do Pracer”  o Concello de Tui coa colaboración de varios locais da zona de intramuros organizou este domingo unha serie de actividades nas prazas do Pracer, a Armada e a Estrela e que resultaron un éxito de participación ao longo da xornada 
As actividades comezaron ás once da mañá coa inauguración polo Alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, da xornada na Praza do Pracer onde foron entregados os premios do concurso de decoración de balcóns do conxunto histórico. Neste acto xunto a diversos concelleiros tudense participou a voceira socialista no Congreso dos Deputados, Soraya Rodríguez de visita na nosa cidade.
Ao longo da xornada, de 11 a 14.30h e de 17 a 20.30h, houbo oito postos de artesanía na Praza do Pracer con mostra de cestería, tecido, olería, trapillo, bixutería, e palilleiras. Amais na Praza da Armada un grupo de Randufe realizou unha mostra de malla tradicional, con varias demostracións en vivo.
A música estivo presente con pasarrúas e actuacións de grupos folclóricos locais e cun concerto de música folk a cargo de Begoña Riobó a partir das 18h. E que contou cunha asistencia superior ás trescentas persoas que se deleitaron coa música deste novo valor do folk galego.
A gastronomía foi outra das propostas do programa con postos na praza da Estrela a cargo de Monumental, A Muralla, Viñoteca de García, Jaqueivi, A Adega, Viños e Tapas, Remesal e La Cava, e que contou cunha nutrida participación que levaron a esgotar o material achegado a este evento polos diversos establecementos.
Ás sete e media da tarde o historiador Suso Vila conduciu unha visita guiada polas prazas do Pracer, a Estrela e a Armada que seguiron máis de 150 persoas e coa que remataba esta xornada.
Por outra banda, os establecementos comercias Porta da Pía, Fototeca Estudio, Pía que Pía e Viñoteca de García deron continuidade a esta xornada  coa 2ª Noite Aberta abrindo a súas portas de 23 a 00h fóra do seu horario habitual ofertando diversas actividades para o público.
O concelleiro de conxunto histórico, Nicolás Lorenzo, amosou a súa gran satisfacción polo resultado desta xornada “Vive o conxunto histórico” na que participaron numerosos tudenses e visitantes que amais de participar nas actividades ofertadas puideron achegarse ata estas prazas do noso conxunto histórico dándolle vida a estes espazos públicos. Lorenzo Montes  agradece a colaboración dos establecementos participantes que nestes momentos complicados fixeron un esforzo e sumando sinerxías para dar vida ao conxunto histórico, e, especialmente, dos veciños do conxunto histórico que se sumaron con grande ilusión a estas actividades. Tamén quere amosar o seu agradecemento aos veciños pola súa implicación. 
Este positivo balance anima á concellería do Conxunto Histórico a anunciar a realización de novas actividades de dinamización da zona monumental tudense en meses vindeiros pois deste xeito contribuímos todos á súa conservación e revitalización

Sem comentários:

Enviar um comentário