Depositado no A.H.P. de Pontevedra dende 1943 conten documentación dos séculos XVI - XIX
Esta mañá tivo lugar o transporte da documentación histórica do Concello de Tui depositada no Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra dende o ano 1943. Logo pois de 69 este importante legado documental retorna á súa cidade enriquecendo a condición histórica e patrimonial da nosa cidade.
Esta documentación consta de 145 libros, de entre os anos 1597 e 1834, en soporte papel e encadernados en pergameo. Deles, 115 corresponden aos libros de acordos municipais e cartas ordes de 1597 – 1775; 5 libros con documentación varia de 1705-1771; 16 libros de copias das actas da Xunta do Reino de Galicia entre os anos 1608 e 1834 e 3 libros Reais do Catastro do Marqués da Ensenada da cidade de Tui e freguesía de San Xurxo de Saiáns.
Segundo informou o Alcalde tudense, Moisés Rodríguez Pérez, está previsto que, unha vez culminado o proceso técnico de incorporación destes fondos documentais ao Arquivo Municipal tudense, se organice un acto institucional e unhas xornadas de portas abertas neste servizo municipal para achegar á cidadanía esta documentación e facilitar o coñecemento deste importantísimo legado documental polos cidadáns de Tui mediante unha exposición didáctica deste legado histórico que agora retorna definitivamente á nosa cidade.
Para o Alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, esta data do 1 de outubro é momento relevante na historia local pois unha parte substancial do patrimonio documental tudense, o orixinado no propio Concello, retorna as súas orixes, dando cumprimento a unha vella reivindicación do Concello de Tui que anelaba recuperar a documentación histórica do seu arquivo municipal trasladada ao Arquivo Histórico Provincial hai case setenta anos, concretamente no ano 1943.
A culminación deste proceso, engade o alcalde tudense, é froito da solicitude presentada polo Concello de Tui no ano 2005 e do esforzo municipal en dotar de axeitadas condicións ás instalacións arquivísticas, crear unha sala de investigadores e dotar ao arquivo do persoal técnico preciso. Moisés Rodríguez agradece o apoio da Xunta de Galicia, dos diversos Conselleiros de Cultura, do persoal técnico do Servizo de Arquivos e especialmente da directora do Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra, a tudense Carmen Luisa Corgo Solleiro, que ten contribuído notablemente á consecución deste obxectivo.
Sem comentários:
Enviar um comentário