quarta-feira, 1 de abril de 2015

A lectura do pregón polo maxistrado-xuíz Antonio Piña marca o inicio das Festas de San Telmo en Tui

Declaradas de Interese Turístico Galego celebraranse do 4 ao 13 de abril
Tui celebra do 4 ao 13 de abril as súas festas patronais na honra a San Pedro González Telmo, declaradas de Interese Turístico Galego. O inicio oficial destes festexos vén marcado pola lectura do pregón que terá lugar este sábado, 4 de abril, ás 19h no acto solemne que se celebrará no Teatro Municipal de Tui, con entrada libre até completar o aforamento. 
O Concello de Tui encomendou este ano a lectura do pregón ao maxistrado-xuíz Antonio Piña Alonso.  Antonio Piña Alonso, nado en Tui en 1965, é licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago. En 1998 ingresou na carreira xudicial coma xuíz nos xulgados de O Carballiño e Ponteareas. En 2003 promocionou na categoría de maxistrado exercendo funcións de maxistrado-xuíz nos Xulgados de Lugo e Ourense e posteriormente sendo titular do Xulgado de Instrución nº2 de Ourense. Dende decembro de 2014 é presidente da Audiencia Provincial de Ourense.  É da Sala de Goberno do Tribunal  Superior de Xustiza de Galicia e presidiu entre os anos 2007 e 2011 a Asociación Profesional da Maxistratura de Galicia, formando parte dende 2011 do Comité Executivo Nacional. Tamén presiden o Instituto Xurídico Académico e Social Ourensano.  Antonio Piña foi distinguido coa Medalla Concepción Arenal pola súa contribución ao desenvolvemento do dereito penitenciario e co III Premio de Colaboración Universitaria.
No transcurso deste ano haberá unha mostra de agradecemento a Ángel Barros que presidiu os festexos durante máis dunha década. Amais terá lugar a coroación das raíñas das festas e as súas damas. A raíña Infantil é Leila Rodríguez  que estará acompañada coma damas Infantís por Nuria Castiñeira e Selena Álvarez. A raíña xuvenil é Cristina Cardoso acompañada coma damas por Jessica Pedrosa e Noelia Rodríguez.
No transcurso do acto actuará o grupo de música tradicional Arume de Malvas.
Por outra parte o domingo, ás 18h celebrarase no Teatro Municipal o Festival Folclórico Festas de San Telmo coa participación dos grupos O Mosteiro de Pexegueiro, Xuntanza de Randufe, San Fins de Rebordáns, Santa Columba de Ribadelouro, Seixos Albos de Areas, Lembranzas da Terra de Guillarei, San Xoán de Paramos e Inquedanzas de Pazos de Reis. A entrada é libre ata completar o aforamento. 

Sem comentários:

Enviar um comentário