Mil douscentos escolares tudenses van participar mañá venres na cuarta edición de “Tui Le” unha iniciativa das bibliotecas escolas xunto á Biblioteca Pública Municipal de Tui. A cita será entre ás 10 e ás 13h no salón de actos e nos claustros do Seminario Menor no Paseo da Corredoira.
En concreto van participar os CEIP’s nº 1, 2, Guillarei, Pazos de Reis, Randufe, e Rebordáns, o Colexio Rural Agrupado “Mestra Clara Torres”, os IES Indalecio Pérez Tizón e San Paio, así coma o Colexio Maristas Santa María e o Seminario Menor. En total serán 1.200 alumnos e 60 profesores os que tomen parte nesta xornada que se realiza entorno á celebración do Día do Libro.
O programa previsto contempla por unha banda o intercambio de libros distribuídos en tres seccións: infantil, primaria e secundaria. Haberá un photocall onde os participantes poderán fotografarse con Cervantes ou Shakespeare portando lemas sobre a lectura e os libros, e se amosarán os carteis elaborados polos escolares de cada centro con recreacións das mascotas das súas bibliotecas e lemas ou textos libres relacionados cos libros e a lectura e con referencias ao centenario do tudense Xosé María Álvarez Blázquez e ao autor do Día das Letras 2015 Xosé Fernando Filgueira Valverde.
Tamén coma en anos anteriores están previstas actuacións por parte dos centros de cinco minutos cada unha con dramatización de contos, recitado de poemas con acompañamento musical, percusión, cancións, danza, recuncho poético... Haberá catro quendas de 45 minutos coa actuación de 300 alumnos por quenda.
Sem comentários:
Enviar um comentário