Comezou a conta atrás para a celebración do XI Festival Internacional de Documentais de Tui, Play-Doc que terá lugar na cidade do mércores 22 ao domingo 26 de abril. Esta mañá na Área Panorámica celebrouse a presentación oficial do evento contando coa presenza do alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e os directores do festival, Sara García e Ángel Sánchez, acompañados polo xefe territorial de Educación, César Pérez, e pola concelleira de Cultura de Tui, Vanesa Rodríguez.
Ao longo de cinco días Play-Doc volverá abrir unha ventá ao cinema documental internacional tendo este ano coma eixo central a obra da realizadora Claire Simon. Serán un total de 32 filmes de non ficción os que o público poderá disfrutar nesta edición, unhas proxeccións ás que se sumarán clases maxistrais, obradoiros, e concertos, entre outras actividades.
A inauguración oficial será o próximo mércores, 22 de abril, ás 20.30h no Teatro Municipal, onde de seguida o público poderá asistir á proxección de “Les patiens” de Claire Simón. A partir de aí nas dúas salas do festival, no Teatro Municipal e na Sala Municipal de Exposición acondicionada especialmente, os asistentes ao festival poderán achegarse ata as últimas producións documentais de máis de 20 países. A entrada a cada sesión terá un prezo de 2€.
O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, na presentación desta mañá, lembrou coma Tui tivo a oportunidade de ver nacer e crecer este festival convertido xa nun dos máis importantes que se celebran a nivel galego e nacional grazas ao traballo serio e rigoroso que o seu equipo realiza ano a ano.
O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, subliñou que Play-Doc é un referente no cine documental en Galicia, sinalando que o feito de que se faga dende Tui dálle un gran valor. Ao tempo fixo referencia a que o festival “non queda parado senón que segue innovado edición a edición” polo que felicitou aos seus organizadores.
Sara García, directora de Play-Doc, avanzou as liñas mestras da programación deste ano que xira entorno a obra de Claire Simon, pero na que tamén haberá un especial dedicado a Albert Maysless, falecido recentemente, coa estrea da súa última obra “Iris”. Tamén o realizador portugués Manuel Mozos presentará dous dos seus traballo o sábado, coincidindo coa celebración do 25 de abril. Entre as novidades deste 2015 está a sección Resonancias, ou o novo xurado internacional. Manteñen amais a aposta pola formación cos Play-Doc Worksshops, todo nunha edición, á décimo primeira, á que en palabras de Sara García chegan con “enerxías renovadas para encarar esta nova década”.
Ángel Sánchez, director de Play-Doc, salientaba coma que o festival se realice dende a periferia non impide que se presente unha programación valente. Ao tempo tiña palabras de agradecemento tanto para as institucións coma para as empresas, establecementos e persoas anónimas que fan posible esta nova edición cuxo orzamento supera os 70 mil euros.
Toda a información sobre Play-Doc así coma a programación detallada a realizar pode consultarse en www.play-doc.com.
Sem comentários:
Enviar um comentário