Mañá continúa Play-Doc, coa chegada de Claire Simon ao festival. Estará dispoñible a partir das 18:30 para atender a medios. Xusto a esa hora, presenta Mimi, retrato dunha muller singular, amiga súa, que conta as historias dun xeito novelesco, estrutura que adopta a película, nun estilo entre o documental e o literario. Ás 20:30 segue a retrospectiva con Coûte que coûte, filme de rabiosa actualidade, sobre unha empresa que insiste en saír adiante, aínda sabendo que vive os seus últimos días. Autoenganados, os traballadores do filme viven a súa propia ficción, que representan ante a cámara de Simon, que os segue a todas partes.
Outra presentación será a de Liahona, relato íntimo dunha mormoa que decidiu afastarse da relixión, contado a través de material de arquivo e imaxes propias, feito con humor e autocrítica. A súa directora, Talena Sanders, xa se atopa en Tui, e está dispoñible para entrevistas.
O cinema galego ten un especial protagonismo en Play-Doc. Mañá haberá os dous primeiros pases da sección dedicada aos filmes da rexión. Xisela Franco (Anima Urbis, ás 17:30) e Marcos Nine (A viaxe de Leslie, ás 20:30) virán presentar as súas películas. Tamén están dispoñibles para os medios.
Por último, chega ao festival Amanda Rose Wilder, que presentará o venres Approaching the Elephant, en sección oficial. O filme retrata cun estilo directo e sinxelo unha especial escola, na que os alumnos toman as decisións de como levar as clases, xunto aos profesores, dun xeito democrático. Amanda Rose Wilder estará dispoñible para os medios a partir das 17 horas.
Péchase a xornada ás 23 horas, con outro filme de sección oficial, Concerning Violence, sobre os movementos de liberación en diversos países colonizados polos europeos.
Sem comentários:
Enviar um comentário