Este domingo disputouse a Transgalaica BTT en Tui, proba competitiva de ciclismo de montaña organizada polo Club Ciclista de la Fuente e Team Relay, en colaboración co Concello de Tui e a Federación Galega de Ciclismo. A Transgalaica BTT trátase dunha competición formada por catro probas disputadas en Cotobade, O Porriño, Vigo e Tui.
A carreira saíu dende o Pavillón da Comunidade de Montes de Areas ás 10h situándose a liña de meta no mesmo punto. O circuíto constou de 60 quilómetros con dúas voltas de 30 quilómetros cada unha.
Na categoría masculina o vencedor foi o lalinense Javier Busto, campión galego BTT que dominou a competición case dende o comezo. Por detrás, seguiulle Daniel Montes, campión asturiano BTT e co terceiro mellor tempo clasificouse o tudense Lino Vaz.
Na categoría feminina houbo un dominio absoluto da campioa de España, Susana Alonso, que non deu opción ás súas rivais. A segunda e terceira clasificada definiuse no sprint, levándose o segundo posto Silvia Blanco Dosil e o terceiro lugar foi para Silvia Deira.
A clasificación por equipos en Tui foi gañada pola escuadra tudense do Club Ciclista de la Fuente, que tamén se impuxo na Xeral da Transgalaica 2015.
Pola súa parte, os tres primeiros da lista do Circuíto Transgalaica 2015 foron Javier Busto, o tudense Lino Vaz e Manuel Carrelo. Na categoría feminina as vencedoras foron a mosense Susana Alonso, Silvia Blanco Dosil e Ana Vilas.
Tanto Javier Busto, como Lino Vaz e Susana Alonso participarán na próxima fin de semana nunha das probas da Copa do Mundo de BTT Maratón, que se disputará en Meda, Portugal, onde terán a oportunidade de medirse a algúns dos mellores especialistas da disciplina.
Sem comentários:
Enviar um comentário