O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, xunto ao delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, o delegado da Consellería de Industria, Ignacio Rial, xunto a concelleiros do equipo de goberno de Tui, visitaron as obras do novo centro de saúde que se está a construír na cidade, na traseira da Área Panorámica.
As obras marchan a bo ritmo e a empresa construtora agarda cumprir cos prazos previstos de execución da obra. Arestora están coa estrutura de forxado a nivel de rúa, continuando nas próximas semanas cos outros dous forzados que restan de tal xeito que a mediados de xuño agardan ter a estrutura totalmente terminada e iniciar xa o construción das fachadas do inmoble.
O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, salientou que con esta visita realizan un seguimento do estado de execución das obras nunha semana na que se coñeceu que a fiscalía arquivou a denuncia presentada por ACESA contra licenza de obra outorgada pola Xunta de Goberno local. Facía fincapé na necesidade desta infraestrutura sanitaria.
Compre lembrar que o novo Centro de Saúde de Tui suporá un investimento de 4,1 millóns de euros cofinanciados nun 80% polo Feder Galicia 2007/2013 polo que as obras deben estar xustificadas antes de que remate este ano. A Unión Temporal de Empresas FCC e Taboada e Ramos foi a adxudicataria do proxecto construtivo.
O novo Centro de Saúde terá unha superficie construída de 3.500 metros cadrados nos que se distribuirán 22 consultas de medicina xeral, 4 de pediatría, as áreas de matrona e educación maternal, odontoloxía, fisioterapia e salas polivalentes. Amais na zona de administración ubicarase o arquivo, almacéns e outros servizos. Tamén disporá de Punto de Atención Continuada e sala de raios X e zona de consultas e observación.
Sem comentários:
Enviar um comentário