Dende onte esta aberta ao público na zona Anexa da Sala Municipal de Exposición a mostra “Mulleres no obxectivo” organizada pola Secretaria Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia. Nesta mostra podemos ollar a mirada de 22 fotoxornalistas galegos, tanto homes como mulleres, sobre a sociedade actual e o esforzo de tantas mulleres por mudar as situacións de discriminación existentes. Complétase a exposición con 9 fotografías históricas galegas de principios e mediados do século pasado.
Mulleres no obxectivo é unha exposición colectiva de foto-xornalistas galegos que trata de sacar á luz, desde unha óptica de normalidade e respecto, as imaxes que nos achegan ao día a día das mulleres e á súa relación cotiá co traballo ao longo da historia, e á conciliación da vida laboral e familiar. Dentro da mostra, comisariada por Belén Fortes, inclúese a peza audiovisual Mulleres XX, sobre as mulleres galegas e o traballo. Esta peza, que toma o nome do cromosoma feminino, amosa ás primeiras traballadoras do sector téxtil, do conserveiro, ás primeiras redeiras, ás mestras, ás lavandeiras, ás médicas, ás xornalistas, etc… dende o pasado ata a actualidade. Unha peza audiovisual de 17 minutos que arranca coas primeiras imaxes en branco en negro, cedidas pola Filmoteca Nacional, e nos trae á actualidade, ofrecéndonos o testemuño de 5 mulleres galegas de hoxe que desempeñan as súas respectivas profesións en pé de igualdade cos homes.
Para a Secretaria Xeral da Igualdade esta exposición contribúe a visibilizar a evolución da sociedade, e en particular o traballo das mulleres, ao longo de distintas épocas, e a ver como evolucionaron os roles sociais atribuídos a homes e a mulleres, que aínda que van desaparecendo, teñen aínda a súa pegada no mercado laboral actual. Promover a plena igualdade é un dos obxectivos desta mostra itinerante
Para Belén Fortes, comisaria desta exposición “a importancia de fotografías coma as desta mostra, está en que non son imaxes idealizadas, senón que sobre todo tratan de reflectir a realidade. Para a maioría destes autores e autoras, fotografar é esencialmente un acto de non intervención. Para elas e eles a cámara é un posto de observación, aínda que esta non sexa nunca unha observación pasiva. (...) As primeiras fotografías desta mostra datan de 1909, e foron cedidas polo Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), outras non menos valiosas pertencen ao Museo Anfaco da Industria Conserveira. As máis recentes foron tomadas no ano 2011”.
Sem comentários:
Enviar um comentário