quinta-feira, 3 de maio de 2012

2.930 TURISTAS ATENDIDOS NO MES DE ABRIL NA OFICINA MUNICIPAL DE TURISMO DE TUI


A Oficina Municipal de Turismo do Concello de Tui ten atendido ao longo do pasado mes de abril un total de 2.930 turistas que se achegaron ata as súas instalacións no Paseo da Corredoira de Tui para solicitar algún tipo de información sobre a visita á nosa cidade.
Segundo informa a concelleira de Turismo do Concello tudense, Raquel Lorenzo Pimentel, deste 2.930, un total de 2.223 procedían das diversas comunidades españolas, salientando Galicia (551 consultas), Madrid (457), Castela e León (243) ou País Vasco (187), pero houbo presenza de turistas de todas as Comunidades Autónomas. No referente aos estranxeiros, acadaron as 707 consultas nesta Oficina Municipal de Turismo destacando 159 consultas de turistas de Portugal, 129 de Alemania, 99 de procedentes de Italia e 70 de Francia e ata de 41 países distintos. A meirande parte dos estranxeiros atendidos eran peregrinos que realizan o Camiño portugués a Santiago, pois nesta Oficina de Turismo foi subministrada información a un total de 405 peregrinos (126 españois e 279 estranxeiros).
Estes datos son altamente positivos pois evidencian a importante potencialidade turística do noso municipio, e máis neste tempos de crise onde a nosa cidade consegue manter un importante número de visitantes. Esta Oficina Municipal de Turismo, ubicada no céntrico Paseo da Corredeira, está aberta dende o pasado día 5 de abril ata o vindeiro outono, estando atendida por dúas bolseiras tituladas en turismo ao abeiro dunha axuda económica do Patronato Provincial de Turismo “Rías Baixas”.
Na Oficina Municipal de Turismo os turistas e visitantes atopan información sobre os lugares de interese do municipio e da comarca, as actividades culturais e deportivas previstas, e as alternativas de ocio que existen no noso municipio e no seu entorno.

Sem comentários:

Enviar um comentário