«La Comandancia» aparece en Tui no ano 2007, ó lado do río Miño, río que, como é sabido, nace en Fontemiña e desemboca na Habana. O grupo empéñase en facer o recorrido inverso: os fundadores, Fernando Lago, José R. Fernández e Carlos Lago (todos cunha dilatada carreira musical forxada en todo tipo de grupos, bandas e orquestras) deciden tomar o son cubano como punto de partida da nova aventura sonora.
Durante os anos 2007 e 2008, montan versións dos temas clásicos da música cubana (El Cuarto de Tula, Guantanamera, El Carretero, Dos Gardenias, La Vieja Molienda…), de maneira máis ou menos fiel e cunha formación tradicional: contrabaixo, tres cubano, congas e guitarra española. Nestes anos realizan concertos por toda a xeografía galega así como polo norte de Portugal. A natureza do seu repertorio permítelles ofrecelos tanto en salas (Salasón de Cangas, Roi Xordo de Allariz…), pubs, terrazas, etc., como en festas (Festa do bosque , Carballo…)e verbenas (San Telmo, Tui…)ou mesmo en algunha que outra voda. Igualmente, participan en diversos festivais tanto en Galicia ( Sada,…) como en Portugal (Vilanova). Pouco a pouco, a partir do ano 2010, vanse atrevendo a introducir arranxos propios, instrumentación menos ortodoxa (batería, guitarra eléctrica..) e novos compoñentes que completarán a formación actual: Roberto Santos (percusión latina), Gustavo Pérez (piano e acordeón) e Gabriel Palacín (batería).
No ano 2010 deciden montar temas propios nos que seguen utilizando o son cubano como base pero introducindo elementos e arranxos propios doutros estilos musicais, ademais de intentar aderezar as súas letras con pura retranca galega. Xorden así, temas como “Me echaron droja en el colacao”,»Asunción», “Asumballé” ou “O silabario”, dando forma a ese invento que eles mesmos chaman SON MIÑOTO. Estes temas pasan a formar parte do repertorio nos concertos actuais do grupo, intercalándose coas versións dos clásicos cubanos. Realizan, ademais, os videoclips de varias das súas cancións, traballos que colgan na rede coa intención de darse a coñecer.
«Mamá Mariña» é unha pequena homenaxe ás nais e ás ducias de ditos, refráns e frases feitas que nos soltan unha e cen veces cando somos nenos, e que nos descubrimos, de repente, repetindo nós mesmos cando nos imos facendo maiores. Mamá Mariña é unha nai en concreto (a do autor da canción), e tódalas nais, ao mesmo tempo. Todo isto aderezado e presentado co inconfundible sabor do Puro Son Miñoto, isto é, o sabor a segundo pase ou sesión vermú en calquera das festas de, poñamos por caso, un 15 de Agosto calquera. E a moita honra!
Sem comentários:
Enviar um comentário