segunda-feira, 14 de maio de 2012

LIBRERIAS DE TUI E VALENÇA PARTICIPAN ESTE XOVES NA XV FEIRA DO LIBRO


O Paseo da Corredoira de Tui acolle este xoves, 17 de maio, unha nova edición da Feira do Libro que con 20 postos contará coa presenza das Librerías Iris e Valverde de Tui xunto coa Papelaría Moderna e a Libraría Santa Teresinha de Valença. 
Esta mañá no decurso dunha rolda de prensa foi presentado o programa desta Feira por parte da concelleira de cultura do Concello de Tui, Vanesa Rodríguez Pereira, xunto cos representantes dos establecementos participantes (Librería Valverde e Iris de Tui e Papelería Moderna de Valença).
Vanesa Rodríguez amais de agradecer ás librerías participantes a súa presenza nesta nova edición da Feira do Libro amosou a súa satisfacción porque os establecemento valencianos repitan a súa asistencia logo da experiencia pioneira do pasado ano.
Anunciou tamén que o pregón desta feira correrá a cargo do médico e escritor tudense, residente na Coruña, Ángel Vázquez de la Cruz que pronunciará a súa intervención ás 12,00 horas na Praza da Inmaculada, onde se desenvolverá este acto inaugural ao coincidir este ano o Día das Letras Galegas co tradicional mercado dos xoves. 
Os representantes dos establecementos amosaron o seu agradecemento ao Concello de Tui por esta nova edición da feira que achega este producto cultural aos cidadáns e anunciaron que como é tradicional aplicarán un desconto do 10%.
O programa é o seguinte:
12,00 h.: Inauguración e Pregón polo escritor tudense Ángel Vázquez de la Cruz e  recital poético pola Asociación de Amigos da Poesía do Baixo Miño. Tras este acto o pregoeiro asinara o seu libro.
12,30 h.: Actuación do Grupo de Gaitas Val de Flores de Baldráns
16,30 h a 20,30 h.: Inchables
18,00 h.: Actuación do Grupo de Pandereteiras de Caldelas
20,00 h.: Actuación da Banda de Gaitas San Xoán de Paramos
Participan: 
Librería Iris e Libreria Valverde de Tui
Liberia Moderna e Santa Teresinha de Valença 
Ángel Vázquez de la Cruz (Tui, 1942) desenvolveu a súa actividade profesional como pediatra, pero mantivo sempre vivo o seu interese pola literatura. Colaborou no seu día en revistas literarias como a compostelán 'La Noche' e ten escrito o guión da película 'A Romería da Morte', gañadora do premio Ramón Dagá de Cine Social en 1975. Pero hai agora tres anos publicou un fermoso libro de relatos “Luz de Tebra”
«Luz de Tebra é unha obra de rescate. Luz de Tebra vainos levando, relato a relato, chanzo a chanzo, do frío á calor, da intemperie a un forno comunal ou a un furancho dos de loureiro á porta. Ten o peculiar roxarse interior da ánima, do que arde sen se ver. Luz de Tebra é un dos libros de contos que enxerta, xa para sempre, na herdanza das nosas mil e unha noites: Retrincos de Castelao, Dos arquivos do trasno de Rafael Dieste, Os biosbardos de Eduardo Blanco Amor, Á lus do candil de Ánxel Fole, Escola de menciñeiros de Álvaro Cunqueiro… Desa estirpe é Luz de Tebra.Cando un le este libro sente o calorífi co levedar desa luz da escuridade. E sente a inconfundíbel felicidade clandestina de quen é agasallado co bisbar da boca da mellor literatura.» Manuel Rivas

Sem comentários:

Enviar um comentário