A Biblioteca Pública Municipal de Tui continúa desenvolvendo as súas actividades arredor do Mes dos Libros e o vindeiro martes ás 20,00 horas terá lugar unha conferencia obradoiro que co titulo de “A rede que les: literatura+internet” correrá a cargo da escritora e animadora cultural Estibaliz Espinosa.
Internet obríganos á expresión por escrito: a literatura catalízase, mútase, crea híbridos, busca novas canles polos que discorrer, a lectura varía... Moita xente a día de hoxe está integrada nalgún tipo de rede social e busca experiencias similares á literaria. Que acontece cos que non están conectados a esa matrix global? Unha charla con exemplos da web como plataforma dunha neoliteratura.
Con esta actividade a Biblioteca Municipal, afirma a concelleira de cultura tudense Vanesa Rodríguez Pereira, pretende ofrecer aos interesados pola literatura e pola escrita creativa unha panorámica das posibilidades de acceso a esta expresión cultural que na actualidade pon á nosa disposición á rede de Internet. A amplitude e diversidade da súa oferta é moitas veces un problema para os seus potenciais usuarios con esta charla – obradoiro pretender ofrecer un guieiro sobre as múltiples posibilidades que atopamos na rede.
ESTÍBALIZ ESPINOSA. A Coruña, 1974. Poeta, cantante e docente. Publicou papel a punto de (El Gaviero, 2011), Zoommm. Textos biónicos (A Regueifa Plataforma 2007/Xerais 2009), -orama(Tambo, 2002), Pan (libro de ler e desler) (Esquío, 2000), número e (Espiral Maior, 2004). Recibiu varios premios, entre eles: Esquío, Espiral Maior e Poesía Serie B de LABoral. En 2006 foi premiada polo Concello de Tarragona no seu I Certame de Podcasts. Desde 2005 é responsable de varios blogs na rede, entre eles ...mmmm... en http://www.estibalizes.wordpress.com
Sem comentários:
Enviar um comentário